Montes

O deputado popular Jose Manuel Balseiro formulará unha pregunta á conselleira do Medio Rural e do Mar na vindeira sesión plenaria prevista para os días 12 e 13 de marzo

O GRUPO POPULAR INTERÉSASE NO PARLAMENTO SOBRE AS PREVISIÓNS NORMATIVAS DA XUNTA PARA O FOMENTO DA XESTIÓN FORESTAL SUSTENTABLE

 Balseiro

  • Balseiro di que son necesarios instrumentos técnicos e normativos que ordenen os distintos usos e producións (castañas, madeira, pastos, cogomelos) que se están a desenvolver nos nosos montes para poñelos en valor

 

O deputado do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro formulará unha pregunta á conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, no vindeiro pleno da Cámara galega ao obxecto de interesarse polas previsións normativas e políticas que manexa a Xunta de Galicia para o fomento da xestións forestal sustentable.

 O parlamentario popular lembra que o Goberno galego en colaboración co sector e no marco da denominada Mesa da Madeira veñen de avanzar na análise do borrador de Decreto que regulará as Instrucións para os montes ordenados en Galicia. Ademais, trala publicación na anterior lexislatura da Lei 7/2012 de montes de Galicia, a Consellería do Medio Rural e do Mar está a desenvolver o regulamentario correspondente.

 Segundo explica Balseiro, a xestión forestal sustentable é un eixo vertebrador da política forestal que está a levar a cabo o goberno da Xunta de Galicia. O parlamentario popular sostén que “o potencial do monte galego é indubidable, pero necesítanse instrumentos que ordenen os distintos usos e producións (castañas, madeira, pastos, cogomelos) que se están a desenvolver nos nosos montes para poñelos en valor”.

 Por todas estas razóns o Grupo Popular formulará a súa pregunta parlamentaria a través da que coñeceremos cales son as principais novidades no ámbito da ordenación forestal sustentable que se teñen previsto abordar na nova normativa.