Jose Manuel Balseiro interesouse no Pleno do Parlamento polas medidas da Consellería do Medio Rural e do Mar neste ámbito

ROSA QUINTANA ADIANTA, EN RESPOSTA A UNHA PREGUNTA DO GRUPO POPULAR, A AXENDA NORMATIVA DO GOBERNO EN MATERIA DE XESTIÓN ORDENADA FORESTAL

 20120505-011250.jpg

  • A Xunta consensúa co sector, no marco da Mesa da Madeira, o novo Decreto de Instrucións xerais para a ordenación dos montes de Galicia que despois avaliará o Consello Forestal

 

Santiago, 13 de marzo de 2013.- O Grupo Parlamentario Popular a través do seu deputado Jose Manuel Balseiro interesouse no Pleno do Parlamento polas previsións da Xunta en materia de ordenación e xestión sustentable dos montes galegos.

Na súa resposta a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana confirmou a axenda normativa do goberno e salientou que a Xunta ten claro que o mellor xeito de facer as novas normas é en permanente diálogo e colaboración directa co sector, feito que foi aplaudido desde as filas populares, que o consideran como o proceder máis correcto a seguir.

En resposta á pregunta do Grupo Popular, Rosa Quintana explicou que a finais de xaneiro de 2013 a Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes, presentaba un borrador de traballo inicial aos membros da Mesa da Madeira do novo Decreto de Instrucións xerais para a ordenación dos montes en Galicia, que tamén debe ser avaliado despois polos membros que compoñen o Consello Forestal de Galicia.

OBXECTIVOS

Entre os obxectivos desta norma que, segundo explicou Rosa Quintana, desenvolve as previsións contidas na Lei de Montes aprobada na pasada lexislatura están os seguintes: a conservación, mellora e protección dos recursos forestais e o seu rendemento sustentable e a máxima obtención global de utilidades sen desatender a contribución ao desenvolvemento rural e á fixación da poboación.

Tamén esta normativa buscará desenvolver instrumentos adaptados ás características dos montes en Galicia e moi en concreto co obxectivo de dar resposta aos novos intereses da sociedade respecto da valorización do monte mediante o uso múltiple e sustentable dos recursos. Inclúese a ordenación e regulación dos eventos culturais (festas, romarías), deportivos ou recreativos así como das actividades que se desenvolven no monte, incluídas as deportivas a motor.

SO O 10% DA SUPERFICE FORESTAL

O novo Decreto finalmente adaptará ás esixencias dos sistemas de certificación forestal, de tal xeito que cun pequeno esforzo adicional serían satisfeitas as obrigas incluídas nas normas e estándares que compoñen ditos sistemas (PEFC ou FSC).

Pola súa banda Balseiro lembrou que Galicia como a maior potencial forestal de España e unha das máis importantes de Europa e, polo tanto, cómpre avanzar neste ámbito tendo en conta que actualmente só o 10% da superficie de monte en Galicia posúe ditos instrumentos de ordenación o que está a impactar directamente sobre a competitividade e valor engadido dos produtos e bens que produce o monte.