Biomasa

Jose Manuel Balseiro sinala que, ademais das evidentes vantaxes ecolóxicas, o aproveitamento da biomasa forestal contribúe á creación de emprego e beneficia o desenvolvemento económico do medio rural

O PARLAMENTO GALEGO INSTA Á XUNTA, A PROPOSTA DO GRUPO POPULAR, A IMPULSAR A UTILIZACIÓN DE BIOMASA FORESTAL COMO FONTE ENERXÉTICA

BIOMASA

  • No acordo pídese tamén que o Goberno galego analice e promova cantas medidas sexan precisas en apoio dos proxectos empresariais dirixidos ao aproveitamento deste recurso tan abundante en Galicia
  • Por outra banda, Balseiro defende, en contraposición a unha iniciativa do BNG, que todos os medios “sen excepcións” son necesarios na loita contra o lume e lembrou que a nova normativa impulsada polo PP regula a figura do director técnico de extinción como mando único operativo que coordina todos os medios

 

Santiago, 14 de marzo de 2013.- O Parlamento de Galicia vén de aprobar, a proposta do Grupo Popular e a iniciativa do seu deputado, Jose Manuel Balseiro, unha proposición non de lei pola que se lle insta á Xunta de Galicia a desenvolver cantas medidas sexan precisas para impulsar o uso da biomasa forestal como fonte enerxética.

O texto do acordo, que prosperou co voto favorable dos grupos parlamentarios do PP e AGE, demanda tamén que o Goberno galego analice e promova cantas medidas sexan precisas en apoio dos proxectos empresariais dirixidos ao aproveitamento deste recurso natural tan abundante en Galicia e susceptible de aproveitamento enerxético.

O debate e aprobación da iniciativa popular tivo lugar na sesión celebrada esta mañá da Comisión de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes no Parlamento de Galicia e incorporou como engádega unha serie de propostas da emenda presentada por AGE, dirixida a impulsar proxectos concretos de aproveitamento da biomasa forestal, como son a implantación de fábricas pellets para uso en calefaccións, a instalación de caldeiras biomasa para calefacción en todos os ámbitos e a creación de fábricas comarcais de produción de enerxía eléctrica.

CONVERTER UN RESIDUO NUN RECURSO

José Manuel Balseiro explicou que a biomasa é unha fonte de enerxía renovable que se compón da materia viva producida polas plantas, árbores, animais, fungos ou bacterias. Unha parte do combustible utilizado na produción desta enerxía procede de materiais residuais que é preciso eliminar: restos de operacións selvícolas, matogueira e subprodutos derivados da primeira transformación da madeira. O seu aproveitamento enerxético permite converter un residuo nun recurso.

No caso da matogueira, ao tempo que se elimina material inflamable e acelerador dos incendios forestais, apórtaselle á masa forestal a densidade axeitada para favorecer que as árbores dispoñan de espazo, luz e auga.

VANTAXES ECOLÓXICA E PARA O MEDIO RURAL

Balseiro entende que cómpre continuar na liña iniciada polo Goberno galego para promover o aproveitamento da biomasa, xa que ademais das vantaxes ecolóxicas é unha actividade que contribúe á creación de emprego e beneficia o desenvolvemento económico do medio rural, porque está baseada nun recurso disperso no territorio e que en Galicia existe en abundancia.

O deputado popular sostén que a tecnoloxía para a explotación desta fonte de enerxía está desenvolvida dabondo como para ser xa unha realidade e unha alternativa firme a outras non renovables ou, cando menos, diminuír a dependencia destas últimas. Ademais, hai que salientar, en canto a súa  incidencia no medio ambiente, a ausencia de contaminantes sulfurados ou nitroxenados e a practicamente nula presenza de partículas sólidas nas emisións.

Finalmente cómpre lembrar que pola súa enorme riqueza forestal, Galicia e aqueles proxectos empresariais que aposten por esta actividade poden incluso exportar biomasa a outras áreas do territorio español redundando nun maior beneficio desta actividade de aproveitamento enerxético.

INCENDIOS

Por outra banda, o voto dos deputados do Grupo Popular evitou que prosperara unha iniciativa do BNG para que se empregaran exclusivamente medios da propia Xunta de Galicia e do Goberno central nos operativos de extinción de incendios.

En relación con este asunto, Balseiro defendeu que o Goberno galego está chamado a aproveitar “todos os recursos dispoñibles, sen ningún tipo de excepción” na loita contra o lume, incluso coa colaboración privada, que permite achegar recursos como avións de carga en terra ou helicópteros moi especializados tecnoloxicamente.

En todo caso, José Manuel Balseiro lembrou que “o operativo de extinción de incendios forestais é un servizo público, xa que está financiado con fondos públicos e, polo tanto, son todos os galegos os que cos seus impostos o sosteñen”.

Tamén explicou que foi precisamente o PP o que impulsou unha reforma legal (a Lei de Montes modifica varios artigos da Lei de Incendios) para que durante a extinción dun incendio todos os medios asignados ao mesmo estean ás ordes do director técnico de extinción. Esta figura é o responsable máximo da dirección da totalidade do medios que traballan na extinción do lume e o seu mando único operativo, polo que se reforzan as súas funcións e se evita calquera tipo de falta de coordinación.