Regadío Val de Lemos

Os populares votan favorablemente a esta iniciativa logo de poñer de relevo que o Grupo Socialista plaxiou literalmente unha moción que o Partido Popular de Monforte impulsou e aprobou no pleno municipal o pasado 5 de marzo

O PARLAMENTO GALEGO, CO APOIO DO GRUPO POPULAR, DEMANDA SOLUCIÓNS AOS PROBLEMAS DA COMUNIDADE DE REGANTES VAL DE LEMOS

 Regantes Val de Lemos

  • A débeda que pesa sobre a comunidade -contraída co Ministerio de Agricultura e coa Confederación Hidrográfica- compromete a continuidade e futuro desta infraestrutura concibida para o fomento da actividade agrícola na zona

 

Santiago, 20 de marzo de 2013.- O Parlamento galego, co apoio do Grupo Popular, aprobou hoxe unha iniciativa na Comisión de Agricultura na que demanda solucións aos problemas que afectan á comunidade de regantes do Val de Lemos. A débeda que pesa sobre esta comunidade –e contraída co Ministerio de Agricultura e coa Confederación Hidrográfica- compromete a continuidade e futuro desta infraestrutura de regadío que foi concibida para o fomento da actividade agrícola na zona.

IDÉNTICA EXPOSICIÓN DE MOTIVOS E IDÉNTICO ACORDO

Os populares votaron favorablemente ao texto do acordo do PSOE logo de poñer de relevo que os socialistas plaxiaron de xeito literal “punto por punto, letra por letra” unha moción que o propio Partido Popular impulsou e logrou aprobar no Pleno municipal de Monforte o pasado 5 de marzo. De feito, unha simple análise do documento permite ver como ambos textos presentan idéntica exposición de motivos e idéntica proposta de acordo.

Jose Manuel Balseiro agradeceu que o PSOE veña a recoñecer a través do seu plaxio o traballo que o Grupo Municipal do Partido Popular de Monforte e particularmente o que a súa portavoz -a tamén deputada Julia Rodríguez- realiza como líder da oposición e en defensa dos intereses dos veciños da zona. Lamentou iso si que os socialistas se teñan limitado a traducir do castelán ao galego a moción, sen achegar ningún argumento novo o que denota certa falta de esforzo por parte dos deputados do PSOE e incluso unha evidente falta de iniciativa que leva a copiar o traballo feito por outros partidos.

GRAN POTENCIAL AGRÍCOLA

De calquera xeito, os populares vén favorable que as distintas administracións competentes se involucren na procura dunha solución que garanta a continuidade desta comunidade e da infraestrutura de rego que xestiona. Isto é así porque, segundo explicou Balseiro -e sostivo no seu día o propio Grupo Municipal do Partido Popular- o peche das canles de rego ou ata a simple desaparición da comunidade de regantes abocaría á perda total  do enorme potencial agrícola da comarca de Lemos e non serviría para dar solución ao problema da débeda.

Ante este panorama, Balseiro defende que o acordo adoptado no Parlamento supón unha declaración de compromiso e apoio aos regantes e  á preservación da infraestrutura do regadío. O deputado subliñou tamén na súa intervención a importancia de impulsar, a través das administracións competentes, outras posibles solucións de futuro como son: a delimitación concreta do perímetro do regadío, buscar resolver á débeda da comunidade de regantes coas medidas técnico financeiras pertinentes, acometer a modernización dos regadíos do Val de Lemos e  acompañala coa concentración  do uso dos terreos de xeito que permita facelos produtivos e rendibles