SOFOR

O Grupo Popular defendeu na Comisión 7ª do Parlamento de Galicia que os montes constitúen unha parte fundamental da riqueza de Galicia e un eixo importante de desenvolvemento social e económico

O SECRETARIO XERAL DE MEDIO RURAL E MONTES CONFIRMA A PREGUNTAS DE BALSEIRO QUE A XUNTA HABILITARÁ AXUDAS DE ATA O 100% PARA IMPULSAR A CONSTITUCIÓN E POSTA EN MARCHA DAS SOFOR

 Sala de Comisións do Parlamento de Galicia

  • As Sociedades de Fomento Forestal, reguladas polo PP na pasada lexislatura, son ferramentas útiles para a xestión sostible e rendible do monte galego

  

Santiago, 20 de marzo de 2013.- O secretario xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto confirmou a preguntas do deputado do Grupo Parlamentario Popular Jose Manuel Balseiro, que a Xunta de Galicia habilitará unha liña de axudas para potenciar a creación de sociedades de fomento forestal (SOFOR) e outra encamiñada a apoiar o inicio da actividade destas sociedades.

Así o fixo durante a intervención de resposta á iniciativa rexistrada polo deputado popular que foi obxecto de substanciación hoxe na Comisión 7ª do Parlamento de Galicia. Fernández-Couto explicou a Balseiro que estas axudas financiaranse con cargo ao Plan de Desenvolvemento Rural Sostible, cunha achega da Xunta de Galicia do 50% e do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente do 50% restante.

Balseiro quería coñecer o obxecto concreto destas subvencións e, neste senso, o secretario xeral de Medio Rural e Montes confirmou que os apoios son moi amplos: En canto a liña para a creación de Sociedades de Fomento Forestal chegarán ata o 90% dos custos de investigación da propiedade e clasificación dos terreos no que se aplique un sistema acreditado e obxectivo de valoración dos dereitos de aproveitamento forestal. Tamén se subvencionará o 100% dos gastos notariais de constitución da SOFOR.

Por outra banda, Fernández-Couto explicou que os conceptos subvencionables para a segunda liña de axudas, a chamada de apoiar o inicio da actividade das SOFOR son os seguintes:

a) O 100% dos gastos notariais e rexistrais necesarios para realizar a concentración privada das propiedades forestais integradas na SOFOR.

b) Ata o 100% dos custos de redacción do proxecto de obras e infraestruturas comúns.

c) Ata o 70% dos custos de execución de infraestruturas comúns.

d) Ata o 100% dos custos de redacción do instrumento de ordenación e xestión forestal

FERRAMENTA DE APOIO Á XESTIÓN DOS MONTES GALEGOS

Balseiro insistiu en que calquera medida de apoio as SOFOR como ferramentas útiles para a xestión dos montes galegos merecen o respaldo do Grupo Popular e do Parlamento no seu conxunto. “Sobre todo paga a pena avanzar neste ámbito xa que a través da viabilidade na xestión forestal o que se persigue en definitiva é a consolidación da propiedade particular, a loita contra o abandono do monte e a mellora na prevención dos incendios forestais” dixo o deputado popular.

En opinión de Jose Manuel Balseiro a creación e regulación da figura das SOFOR, na pasada lexislatura, é unha proba de que o Goberno galego traballa en serio polo aproveitamento sostible e rendible das potencialidades do monte galego. Explicou tamén que agora os propietarios forestais teñen unha ferramenta para a obtención de rendas e a creación de emprego no rural, dous obxectivos principais que en opinión do Grupo Popular son irrenunciables para a Xunta no contexto actual. Finalmente lembrou que os montes constitúen unha parte fundamental da riqueza de Galicia e un eixo importante de desenvolvemento social e económico.