Mariscadoras

O Bloque Nacionalista Galego empéñase en defender unha postura minoritaria no conxunto de Galicia

BALSEIRO LEMBRA QUE SON AS MARISCADORAS A PÉ AS QUE VEÑEN DEMANDANDO QUE OS TRABALLOS DE SEMICULTIVO E AS VIXILANCIAS COMPUTEN Á HORA DE RENOVAR O PERMISO DE EXPLOTACIÓN

Marisqueo

  • Así o veñen facendo, de xeito inmensamente maioritario, en todos e cada un dos encontros con mariscadoras celebrados como mínimo desde o ano 2004
  • As confrarías dispoñen de gardapescas que se encargan da vixilancia dos bancos marisqueiros en colaboración cos Gardacostas de Galicia e coa Policía autonómica, que atalla os episodios de furtivismo máis graves

 

Santiago, 4 de abril de 2013.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, lembrou hoxe que é o propio colectivo de mariscadoras a pé é o que vén demandando que os traballos de semicultivo e as vixilancias das súas concesións computen á hora de renovar o permiso de explotación.

A devandita obriga, incluída na normativa vixente, reflicte a demanda das propias agrupacións de mariscadoras e á opinión maioritaria expresada por este colectivo profesional en todos os encontros de mariscadoras celebrados, como mínimo, desde o ano 2004. En consecuencia desde o Grupo Popular lamentan que o BNG se empeñe en defender unha postura minoritaria no conxunto de Galicia.

GARDAPESCAS E GARDACOSTAS

Balseiro tamén explicou que os traballos de vixilancia e control dos areais, limpezas ou rareos teñen grande importancia para garantir unha explotación racional e sostible dos recursos e responden á propia profesionalización dun sector que pasou de ser unha actividade individual meramente extractiva a unha organizada, na que o colectivo ten a responsabilidade de coidar o seu propio medio de subsistencia, máis cando se trata de concesión sobre dominio público.

 O deputado popular quixo deixar claro, en todo caso, que como norma xeral a vixilancia dos bancos marisqueiros das confrarías se efectúa a través de gardapescas, persoal profesionalizado que se contrata coa axuda da Consellería do Mar, a través dos convenios de colaboración, e que desenvolve a súa labor baixo a regulación da lei de seguridade privada.

Son estes gardapescas xunto aos integrantes do Servizo de Gardacostas e os apoios da Unidade da Policía Autonómica os que se encargan do control da acción dos furtivos naqueles casos de maior risco, como pode as incautacións, a imposición de sancións ou incluso a intervención directa de enfrontamento cos ilegais.

FUNCIÓNS DAS MARISCADORAS

As mariscadoras realizan funcións de vixilancia diferentes como son: alertar e informar aos organismos de danos por axentes contaminantes ou acción dos furtivos ou o seguimento dos tamaños e topes da captura. En todo caso, labores fortemente implantadas no desenvolvemento da actividade marisqueira ata o punto de que en 2013 o 86% das entidades contemplan estas tarefas nos seus plans de explotación.

Fronte as teses dos nacionalistas, Balseiro tamén sinalou que un número moi significativo de organizacións de mariscadores a flote e percebeiros, e mergulladores inclúen tamén estas actividades de vixilancia e control, como se reflicte nos plans de explotación que presentan e, polo tanto, que esta obriga non é exclusiva do marisqueo a pé, nin existe discriminación algunha neste sentido.

Finalmente, o deputado popular lembrou que a xustiza avala este tipo de esixencias de acreditación de días de coidado, control, protección e vixilancia dos bancos marisqueiros para a renovación dos permisos e fíxoo recentemente logo da desestimación dun recurso presentado por AGAMAR.