Unión Europea

O voceiro popular do Mar, Jose Manuel Balseiro, defendeu que o Consello Galego de Pesca, órgano asesor no que está representado todo o sector, elabore un estudo que avale e fortaleza esta petición

O PARLAMENTO APROBA RECLAMAR Á UNIÓN EUROPEA QUE DESVINCULE A COOPERACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO DOS ACORDOS PESQUEIROS CON TERCEIROS PAÍSES

Flota

  • Balseiro foi moi crítico coa postura dos grupos da oposición, que prefiren dar as costas ás demandas do sector negando que a pesca poida ser considera como calquera outro sector estratéxico con transcendencia económica e interese comercial

 

Santiago, 4 de abril de 2013.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a iniciativa do Grupo Popular, defendida polo deputado Jose Manuel Balseiro, para reclamar á Unión Europea que desvincule a cooperación para o desenvolvemento dos acordos pesqueiros con terceiros países. O portavoz popular do Mar, Jose Manuel Balseiro, lembrou que esta demanda xa forma parte do ditame único que a Xunta de Galicia trasladou á Comisión Europea e no que se recollen, logo de telas consensuado co sector, diversas propostas para a reforma da Política Pesqueira Común.

A iniciativa aprobada insta á Xunta de Galicia a encargar ao Consello Galego de Pesca, máximo órgano asesor da Consellería do Mar e no que está representado todo o sector, a elaboración dun estudo que avale a fortaleza desta petición. O estudo tería por obxecto afondar nesta cuestión achegando máis argumentos que xustifican os motivos polos que a pesca debe ser tratada como calquera outra actividade de interese económico ou comercial.

FIN AO TRATO DIFERENTE DA PESCA

Os populares defenderon que a futura regulamentación comunitaria en proceso de reforma poida abandonar dun xeito definitivo a idea de que a pesca, na súa dimensión exterior, na súa relación con terceiros países, deixe de ser considerada como un elemento de cooperación ao desenvolvemento. “Ata o de agora se están a mesturar dous conceptos que non teñen por que ir unidos e que implican unha discriminación para a pesca, en relación con outros sectores estratéxicos da economía”, explicou Balseiro

Segundo Balseiro condicionar, como se está a facer hoxe, a sinatura dos acordos pesqueiros a un exame das políticas desenvolvidas polo país estranxeiro ou a outros condicionamentos políticos distintos do interese comercial, supón unha inxerencia pouco recomendable e unha discriminación inxusta para co sector pesqueiro.

Á OPOSICIÓN DE COSTAS ÁS DEMANDAS DO SECTOR

“Isto non significa nin que neguemos a importancia da cooperación para o desenvolvemento, nin que deixemos de apoiar cantas iniciativas poidan producirse neste ámbito”, aclarou Balseiro, quen engadiu que “hai que cooperar con outras nacións que precisan da nosa axuda e coas que incluso podemos ter intercambios frutíferos mutuos. Pero a actividade pesqueira, debería ter un tratamento similar ao resto dos sectores con transcendencia económica”

A iniciativa parlamentaria foi aprobada exclusivamente co voto favorable dos deputados do Grupo Popular. Este feito motivou que Balseiro fora moi crítico coa postura dos grupos da oposición, que prefiren dar as costas ás demandas do sector que foi quen capitaneou esta proposta negando que a pesca poida ser considera como calquera outro sector estratéxico con transcendencia económica e interese comercial.