Salvamento

Jose Manuel Balseiro esixiu á oposición “que deixe de enganar” e insistiu en que ningún profesional do mar terá que pagar polo uso dos servizos de rescate por estar expresamente exentos destes pagos

O GRUPO POPULAR LEMBRA QUE A XUNTA DO PP MELLOROU O SERVIZO AÉREO DE GARDACOSTAS DE GALICIA GARANTINDO A SÚA PLENA OPERATIVIDADE AS 24 HORAS DO DÍA OS 365 DÍAS DO ANO

 Entrenamientos diurnos

  • A Consellería do Medio Rural e do Mar incorporou as gardas presenciais nos heliportos de Vigo e Celeiro o que diminúe o seu tempo de resposta para compensar a situación de precariedade na que se atopaba durante os catro anos de goberno do bipartito.
  • Recuperar o antigo seguro de accidentes suporía un retroceso xa que logo as novas pólizas de responsabilidade civil ofrecen unha maior cobertura ante os riscos

 

Santiago, 10 de abril de 2013.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro explicou no Pleno do  Parlamento de Galicia, con ocasión do debate dunha moción do BNG sobre salvamento, que tras acceder o PP á responsabilidade de goberno na Xunta mellorou e dotou de dobre tripulación e gardas presenciais aos helicópteros dos Gardacostas de Galicia con base en Vigo e Celeiro, o que permitiu diminuír o seu tempo de resposta e garantir a súa plena operatividade as 24 horas do día, os 365 días do ano, e compensar a situación de precariedade na que se atopaba este servizo durante os catro anos do anterior Goberno bipartito.

Balseiro tamén lembrou que PSOE e BNG votaron repetidamente en contra da mellora da operatividade destes helicópteros ao rexeitar unha e outra vez as iniciativas que presentou o PP na lexislatura do bipartito con este obxecto. Votaron en contra incluso despois de terse detectado múltiples irregularidades e fallos no servizo tras os naufraxios dos buques Cordero ou Rosamar, irregularidades hoxe corrixidas.

Ademais, fronte as acusacións de privatización do servizo sinalou que o servizo de rescate (aéreo e naval) sempre foi prestado (incluído durante a época do bipartito) por empresas concesionarias ás que se lles contrata a prestación do mesmo (Inaer–Helicsa e Remolcanosa), polo que non hai hoxe o non existiu nunca privatización algunha.  Balseiro deixou claro que a Xunta blindou o operativo de salvamento no mar nos orzamentos de 2013 e mesmo incrementou a súa contía.

O voceiro do Mar dos populares galegos tamén defendeu o novo sistema de contratación dos helicópteros do servizo de Gardacostas que en conxunto suporá un aforro para Galicia de arredor de 13,5 millóns de euros “sen reducir para nada a operatividade do servizo e garantindo en todo momento que os medios de salvamento non se quedan obsoletos, xa que a súa substitución por outros máis modernos non terá custe algún para a Xunta”.

COBROS SALVAMENTO

Balseiro tamén esixiu á oposición “que deixe de enganar” e insistiu en que ningún profesional do mar terá que pagar polo uso dos servizos de rescate por estar expresamente exentos destes pagos segundo a normativa vixente. De feito emprazou á que os partidos da oposición demostren que a Xunta cobrou a algún profesional do mar desde a entrada en vigor do novo Decreto, “porque non poderán facelo”.

En relación coa petición do BNG para recuperar o antigo seguro de accidentes o Partido Popular defendeu que facelo suporía un retroceso xa que logo as novas pólizas de responsabilidade civil ofrece unha maior cobertura aos profesionais. “Están a pedirnos que renunciemos a un seguro a todo risco para volver a unha fórmula anterior con moita menos cobertura e que arruinaba aos mariñeiros e armadores”.