Manter os servizos e mellorar as instalacións

Jose Manuel Balseiro busca formalizar a través dun mandato parlamentario “serio, firme e oficial” o compromiso inequívoco dos populares para blindar o futuro do centro hospitalario mariñán

O GRUPO POPULAR PROMOVE UN ACORDO NO PARLAMENTO DE GALICIA PARA GARANTIR A CONTINUIDADE DE TODAS AS CONSULTAS E SERVIZOS DO HOSPITAL DA COSTA

 PropB

  • A iniciativa pide tamén que a Xunta leve adiante de xeito inmediato as actuacións precisas para ampliar o centro hospitalario co fin de adaptado á actual demanda asistencial, á mellor prestación para os pacientes e á realización do traballo dos profesionais con seguridade e calidade.

 

 

A Mariña, 15 de abril de 2013.- A Comisión de Sanidade e Política Social do Parlamento de Galicia debaterá o vindeiro mércores 17 de marzo en horario de tarde a iniciativa rexistrada polo secretario da Cámara autonómica e deputado Jose Manuel Balseiro a través da que promove un acordo parlamentario para blindar o futuro do Hospital da Costa.

A proposición non de lei sairá adiante con toda probabilidade grazas á maioría absoluta do grupo promotor, o Partido Popular e, deste xeito, o Parlamento galego establecerá un mandato imperativo á Xunta en apoio deste centro hospitalario. “Adquirimos un compromiso cos cidadáns da Mariña lucense. E mantémolo. E levámolo ao Parlamento para que con toda seriedade adquira total oficialidade”

Segundo explicou Jose Manuel Balseiro, o acordo proposto consta de tres puntos. No primeiro deles, os populares solicitan á Xunta que garanta a continuidade de todos os servizos, unidades e consultas actualmente existentes no Hospital da Costa e incluso insta ao Goberno galego a desenvolver cantas xestións e esforzos sexan necesarios para incrementalos e potenciar a súa calidade asistencial.

O Grupo Popular tamén solicita que a Xunta “leve adiante de xeito inmediato as actuacións precisas para ampliar o centro co fin de adaptado á actual demanda asistencial, á mellor prestación para os pacientes e á realización do traballo dos profesionais con seguridade e calidade”. Un proceso que xa deu inicio logo do aval do Consello da Xunta e da publicación no Diario Oficial de Galicia da licitación do seu plan director.

A iniciativa tamén reclama, finalmente, o mantemento das tres áreas sanitarias que na actualidade ten a provincia lucense, isto é, a da Mariña (coñecida como Cervo-Burela), a de Monforte e a do Centro. Isto é un mandato para que o mapa sanitario non sufra modificacións.

MANTER OS SERVIZOS E MELLORAR AS INSTALACIÓNS

Balseiro espera contar co voto favorable de todas as forzas políticas da oposición e insistiu en que co apoio ou non a esta iniciativa poderá demostrarse a quen de verdade lle preocupa a sanidade da Mariña e non outros intereses distintos como é tensionar a sociedade con enganos. “Si realmente PSOE, BNG e AGE están preocupados por manter os servizos e mellorar as instalacións non terán ningún problema en votar a favor da nosa iniciativa porque é xusto o que estamos a pedir no Parlamento de Galicia”-dixo Balseiro.

 O parlamentario mariñán dixo finalmente que os mariñáns poden  confiar no PP e insistiu en que o paso do tempo demostrará que están a dicir a verdade e que son todos eles, os cargos públicos e militantes populares, os primeiros interesados en defender a continuidade do hospital e todos os servizos sanitarios públicos nesta comarca. “Algúns levan anos dicindo que pecharía o Hospital e a realidade é moi diferente. Nos últimos tres anos non hai un só servizo que se houbera perdido no hospital da Costa e ese seguirá a ser o noso compromiso e o que defenderemos no Parlamento de Galicia e na nosa acción de goberno na Xunta”- concluíu