Caladoiro Nacional Cantábrico Noroeste

O voceiro do Mar, Jose Manuel Balseiro, lembrou que este caladoiro aglutina ao 80% dos postos de traballo da flota galega e agrupa a máis de 4.500 embarcacións con porto base en Galicia

O PARLAMENTO GALEGO AVALA, A INICIATIVA DO GRUPO POPULAR, AS PROPOSTAS DAS CONFRARÍAS GALEGAS PARA O PLAN DE XESTION DO CALADOIRO NACIONAL CANTÁBRICO NOROESTE

Flota

  • Nun acto de grave irresponsabilidade, unha vez máis, os Grupos da oposición dan as costas ás demandas do sector e votan en contra das demandas formuladas pola Federación Galega de Confrarías e as tres federacións provinciais

 

Santiago, 24 de abril de 2013.- O Parlamento de Galicia vén de aprobar un acordo, a iniciativa do Grupo Popular, en apoio das propostas das confrarías de pescadores galegas en relación coa futura regulación do novo plan de xestión do Caladoiro Nacional Cantábrico Noroeste.

O voto dos populares fixo posible que a Cámara autonómica sumase a súa voz á dos tripulantes e armadores da flota galega e así prosperase un acordo polo que se lle insta á Xunta a asumir como propias e defender diante do Ministerio de Medio Ambiente as demandas formuladas polo sector, en concreto, as propostas de consenso que asinaron a Federación Galega de Confrarías de Pescadores e as tres federacións de confrarías provincias (as de Lugo, A Coruña e Pontevedra).

O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, lembrou que o Caladoiro Nacional Cantábrico Noroeste aglutina ao 80% dos postos de traballo da flota galega –entorno a 12.000 tripulantes- e agrupa a máis de 4.500 embarcacións con porto base en Galicia. Ambos feitos dan conta das razóns polas que adquire unha especial relevancia calquera tipo de decisión sobre a xestión desta zona de pesca.

Balseiro explicou que as as confrarías galegas veñen de presentar un documento co obxecto de regular de xeito equilibrado e harmónico a actividade das flotas das catro comunidades do Cantábrico, aínda que lembrou que a decisión final dependerá dunha negociación co Ministerio de Medio Ambiente que serán quen aprobe  -desde o máximo consenso posible- a Orde que regule o establecemento das medidas que contribúan á xestión destes recursos pesqueiros.

“Temos o deber de xestionar os recursos dispoñibles de xeito que produzan os maiores beneficios posibles, porque o éxito deste tipo de plan será o dos nosos mariñeiros. E temos o deber de facelo escoitando o que o propio sector está a demandar, a sumándonos a estas peticións”-explicou Balseiro.

O voceiro do Mar do Grupo Popular defendeu que o sector pesqueiro necesita vivir todo o ano da súa actividade, polo que é necesario controlar a través dun plan de xestión o máis consensuado posible a oferta e a demanda para poder competir con mellores prezos.

GRAVE IRRESPONSABILIDADE DA OPOSICIÓN

Balseiro lamentou, finalmente que o acordo parlamentario non conte co apoio dos tres partidos da oposición –que incluso chegaron a votar en contra- e sinalou a incoherencia dos discursos dos seus voceiros.

Tamén puxo de relevo o lonxe que están os portavoces da oposición do propio sector cando aseguran sen rubor descoñecer as propostas das confrarías.

O voceiro do Mar do Grupo Popular sinalou que PSOE, AGE e BNG seguen a manter unha posición de profunda intransixencia que lles leva a seguir dando as costas incluso a este tipo de iniciativas que non fan outra cousa que trasladar as demandas do propio sector para a xestión responsable deste caladoiro.