Incendios

O deputado popular aposta por potenciar a coordinación e apoio entre administracións, especialmente coas municipais

BALSEIRO INTERÉSASE NO PARLAMENTO POLAS PREVISIÓNS PARA O DESPREGUE DO DISPOSITIVO CONTRA INCENDIOS

la foto

  • As intensas choivas deste inverno e as que se están a producir na primavera favorecen o crecemento da vexetación o que debe ser un factor a ter en conta durante a campaña deste ano

  

Santiago, 30 de abril de 2013.- O deputado do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, vén de interesarse na Cámara autonómica polas previsións que manexa a Consellería do Medio Rural e do Mar para o despregue do dispositivo de prevención e loita contra o lume na presente anualidade.

COLABORACIÓN COS CONCELLOS

Desde o Grupo Parlamentario Popular apostan por potenciar para a campaña 2013, que está próxima ao seu comezo, a coordinación e apoio entre administracións, especialmente coas municipais. Jose Manuel Balseiro explicou que o obxectivo fundamental é “deixar atrás entre todas este lastre que prexudica dun xeito evidente o noso patrimonio natural e minora a economía galega nunha dobre vertente: nas perdas polo lume e nos custes por extinguilos”.

O parlamentario sostén que os incendios forestais supoñen unha ameaza para o desenvolvemento rural, ademais de comprometer a sustentabilidade económica e social de Galicia. E, en consecuencia, sinala que a política de defensa contra os incendios, pola súa vital importancia para a nosa Comunidade Autónoma, precisa dunha ampla planificación tanto dos medios e operativas que se desenvolverán como do territorio no que se insire, e no que se han de incluír medidas dirixidas á cooperación e coordinación coas entidades locais.

INTENSAS CHOIVAS

Cómpre especial relevancia coñecer as previsións da Consellería do Medio Rural e do Mar para, previa organización e coordinación de toda esta actividade conxunta, permita executar unha tarefa eficiente na loita contra o lume –dixo Balseiro- sobre todo tendo en conta que as intensas choivas deste inverno e as que se están a rexistrar na primavera favoreceron o crecemento da vexetación o que son dous factores a ter en conta de cara á planificación da campaña deste ano.

Os populares tamén sinalan como prioridades na acción da Xunta de Galicia a necesidade de favorecer a progresiva profesionalización do dispositivo contraincendios e impulsar iniciativas dirixidas á mellora da concienciación e disuasión a través da aplicación de medidas punitivas firmes e da disposición de medios de vixilancia permanentes dos nosos montes.