Comisión de Pesca 8 05 2013

Jose Manuel Balseiro di que coas súas presas a oposición busca impedir a participación constante e directa do sector pesqueiro na formulación da normativa que se lles aplica

O GRUPO POPULAR DEFENDE O TRABALLO DA XUNTA PARA A ELABORAR UNHA NORMATIVA DE CONSENSO SOBRE AS ELECCIÓNS NAS CONFRARÍAS GALEGAS

 Flota

  • Por outra banda, Balseiro lembrou que son as mariscadoras as que pediron que se incluíra o cómputo dos traballos de rexeneración e vixilancia para a renovación dos permisos de marisqueo
  • Neste sentido, insistiu en que as tarefas de control do furtivismo son realizadas por persoal profesionalizado como gardapescas, membros do servizo de Gardacostas de Galicia e das unidades policiais especializadas.

 

Santiago, 7 de maio de 2013.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro Orol, defendeu hoxe na Comisión de Pesca do Parlamento galego o traballo que está a levar adiante a Xunta na elaboración dunha normativa “de consenso” que regule o proceso electoral nas confrarías galegas.

O parlamentario popular lembrou que é a Lei de Pesca actualmente vixente, establece o mandato imperativo de unificar as eleccións dos pósitos galegos, feito para o que resulta imprescindible contar cun novo texto normativo “máis actualizado, adaptado aos tempos e con todas as achegas que poidan ser beneficiosas para o eficaz desenvolvemento deste proceso electoral único”.

PROCESO PARTICIPATIVO EN MARCHA

O Grupo Popular rexeitou, en consecuencia, a petición do BNG para convocar eleccións de xeito inmediato nas confrarías galegas insistindo en que, pola súa importancia e complexidade, o texto normativo que debe regular esta convocatoria e o procedemento a seguir merece ser resultado dun proceso participativo “xa en marcha” e canto menos “respectar a que remate este período de consultas actualmente vixente”.

“A Xunta acerta cando para elaborar esta norma consulta ás organizacións pesqueiras e á cidadanía; o primeiro colectivo todos sabémolo xa foi informado de xeito directo remitíndolles unha copia da do proxecto de nova norma, en tanto que para información e participación da cidadanía este documento está visible na páxina web da Consellería de Medio Rural e do Mar”, dixo Balseiro.

En resposta aos argumentos empregados pola oposición Balseiro negou a falta de lexitimidade dos dirixentes actuais das confrarías lembrando que todos eles (patróns maiores e cabildos) foron elixidos democraticamente polos membros dos pósitos. “Os cargos representativos son exercidos en idénticos termos que durante o periodo do mandato ordinario, con plenitude de dereitos e obrigas, o que premite normal funcionamento destas entidades”.

Jose Manuel Balseiro considera que, coas súas presas, a oposición busca “volver ao pasado” cando se “desoía e desprezaba ao sector” e, polo tanto, “socialistas e nacionalistas queren impedir a participación constante e directa dos axentes do sector pesqueiro na formulación da normativa que se lles aplica”

MARISCADORAS

Esta mesma crítica –de desprezo á vontade do sector- pode trasladarse á segunda das cuestións que foron obxecto de debate na Comisión de Pesca do Parlamento. Xa que logo o Grupo Popular rexeitou a iniciativa de AGE pola que pedía a modificación da normativa sobre permisos de marisqueo.

Balseiro lembrou que foron as propias profesionais do sector as que, nos distintos encontros asemblearios celebrados ata a data de hoxe, pediron que se incluíra o cómputo dos traballos de rexeneración e vixilancia das concesións para a renovación dos permisos de marisqueo” .Outro dato significativo é o feito de que só en 2013 o 86% das entidades contemplan estas tarefas nos seus plans de explotación, a iniciativa das propias confrarías.

LOITA CONTRA O FURTIVISMO PROFESIONALIZADA

O deputado popular en todo caso quixo deixar claro que a vixilancia dos bancos marisqueiros das confrarías, non a realizan as mariscadoras senón persoal profesionalizado como son os integrantes do Servizo de Gardacostas, xunto ás unidades policiais adscritas aos servizos de loita contra o furtivismo. “Por certo unidades recuperadas polo PP, en contra do criterio das forzas do antigo bipartito”. Ao mesmo tempo lembrou que a Xunta subvenciona ás confrarías galegas para a contratación de gardapescas, profesionais da seguridade privada que se encargan tamén destas tarefas nas distintas concesións.

“Polo tanto, as mariscadoras realizan outro tipo de funcións de protección e vixilancia: é unha función diferente á dos gardapescas. Se encargan por exemplo de alertar e informar aos organismos de danos por axentes contaminantes, ou do  seguimento dos tamaños e topes da captura, nunca do enfrontamento directo cos furtivos feito que corresponde a outros profesionais”

RECOLLIDA DE MEXILLA

Finalmente Jose Manuel Balseiro, en nome do Grupo Popular rexeitou a iniciativa do PSOE en relación coa extracción de mexilla ao considerala “extemporánea” xa que logo despois de consultar co sector e recibir as súas achegas a Xunta xa decidiu dar un maior prazo para esta campaña “amplíase por dous meses (ata 30 de xuño) sen desbotar novas prórrogas, se fóra necesario”