Opinión: CD Burela FS Pescados Rubén

Unha xeración excepcional do fútbol sala feminino

 bfsfcampioas13

Como Secretario do Parlamento de Galicia pero, sobre todo, como veciño da Mariña quero sumarme ao recoñecemento ás xogadoras do CD Burela Pescados Rubén por acadar o título de campioas da Liga española de Fútbol Sala Feminino.

Creo que é de xustiza dicir que todos aqueles que tivemos a inmensa honra de seguir a súa traxectoria e, en primeira persoa, o último encontro, estamos especialmente orgullosos polo talento que, ao longo de todo o partido, demostraron as xogadoras e por unha tempada coroada cun meritorio triunfo destas grandes deportistas da nosa comarca.

No CD Burela FS son dignos de admiración, pero non soamente polo feito histórico acontecido, senón tamén porque o seu exemplo dinos como hai que dar resposta ás dificultades: Aprendemos o valor da unión e do esforzo colectivo e a capacidade de superar con acerto os retos que temos por diante. O seu éxito serve para subir a nosa autoestima colectiva, máis aínda nestes tempos de dificultade que vivimos.

Na miña humilde opinión atopámonos ante unha xeración excepcional do fútbol sala feminino, ante xogadoras que, con enormes doses de espírito competitivo, un gran equipo técnico e o apoio do club e do conxunto da sociedade e patrocinadores, téñense instalado definitivamente na elite do seu deporte.

Espero tamén que o devandito título sirva de pulo para obter novos éxitos e, nese camiño estou seguro, contarán con todos os mariñáns, cos galegos e cos apoios que se precisan para repetir outras moitas boas novas.

Jose Manuel Balseiro Orol