Parlamento: acuicultura

Así o confirmou Juan Carlos Maneiro Cadillo, secretario xeral do Mar, a preguntas de Jose Manuel Balseiro, voceiro de Pesca do Grupo Parlamentario Popular

A ACUICULTURA DISPORÁ DUNHA LEI ESPECÍFICA EN GALICIA PARA REGULAR ESTE SECTOR

Planta de acuicultura situada na actualidade no Polígono de Cuiña

  • O futuro texto normativo busca outorgar a indispensable seguridade xurídica no proceso de consolidación e crecemento do sector; concentrar e reforzar a xestión integral do sector acuicultor na consellería do Medio Rural e do Mar

Santiago, 5 de xuño de 2013.- O secretario xeral do Mar, Juan Carlos Maneiro Cadillo confirmou esta mañá no Parlamento, a preguntas do voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, que a acuicultura galega disporá dunha lei especifica para regular o sector. Así o explicou na Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia na que os populares interesáronse polas previsións da Xunta para o desenvolvemento do sector neste primeiro tramo de lexislatura.

Maneiro díxolle a Balseiro que na actualidade se está a desenvolver a redacción desta nova norma específica para a industria dos cultivos acuícolas que, entre outros obxectivos, busca outorgar a indispensable seguridade xurídica no proceso de consolidación e crecemento do sector; concentrar e reforzar a xestión integral do sector acuicultor na consellería do Medio Rural e do Mar; remover os obstáculos inxustificados para o desenvolvemento eficiente e sostible do sector e, por último, establecer as bases para que poida alcanzar todo o seu potencial.

DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

Preguntado polo voceiro do Mar do Grupo Popular sobre os obxectivos máis específicos do novo texto, Juan Carlos Maneiro explicou que a lei quere sentar as bases que propicien o desenvolvemento sostible de todo o potencial da acuicultura galega nas distintas modalidades de cultivos técnica e economicamente viables, prover a subseguinte implantación dunha industria forte e estruturada nas zonas costeiras e contiguas a correntes fluviais aptas para a actividade acuicultora, contribuíndo con iso á cohesión económica nas distintas áreas do país e á fixación de poboación especialmente nas comarcas rurais, sempre en equilibrio coa protección dos recursos e do medio mariño, fluvial e terrestre.

A norma tamén servirá para dispor dos instrumentos adecuados para a toma de decisións administrativas baseadas estritamente no estado do coñecemento científico máis solvente e especializado no seguimento da acuicultura mariña e continental e para defender a garantía sanitaria das explotacións, cuxa ordenación ten como prioridade preservar o óptimo estado sanitario da fauna presente nos nosos ecosistemas acuáticos.

COMPETENCIAS PLENAS NA CONSELLERIA

Para lograr estes obxectivos, o secretario xeral do Mar explicou que esta norma procederá a atribuír á Consellería do Medio Rural e do Mar a facultade de actuar como órgano substantivo e decisorio, concentrando para iso as facultades de establecemento e implantación de medidas para a ordenación do sector na totalidade dos aspectos implicados no desenvolvemento da actividade, con especial atención a: á ordenación e regulación integral do sector e a actividade, o estudo e planificación do desenvolvemento físico do sector, a autorización, seguimento e control da actividade acuicultor e a adopción e execución das medidas de conservación, protección e, no seu caso, rexeneración do medio acuático inherentes á resolución administrativa de avaliación ou estudo ambiental.

Balseiro interesouse tamén polos obstáculos que existen hoxe no desenvolvemento acuícola galego. Neste senso, Maneiro Cadillo explicou que non son exclusivos de Galicia senón que coinciden plenamente cos detectados a nivel nacional e de toda a Unión Europea. Por sintetizalos, están todos os aspectos relacionados ca seguridade xurídica e doutra banda os relacionados ca competencia polos espazos con outras actividades concorrentes coma a pesca, o marisqueo ou as actividades marítimas lúdicas.

O secretario xeral do Mar concluíu sinalando que dar solucións adecuadas a estes dous problemas marcará o desenvolvemento a medio e longo prazo da acuicultura galega, española e europea. Neste sentido, dixo que Galicia, ca elaboración da Estratexia Galega de Acuicultura e o desenvolvemento das accións nela propostas, ao que se sumará a elaboración da lei de acuicultura, sitúase nunha posición privilexiada para abordar e dar solución a estes obstáculos.