Menos taxas

O Consello de Administración ratificou, a proposta do presidente, José Juan Durán, esta medida que beneficiará de xeito directo a uns 10.000 usuarios

PORTOS DE GALICIA APROBA A BAIXADA DE TAXAS COMO INCENTIVO Á ACTIVIDADE ECONÓMICA

Xunta.es /Conchi Paz

  • A repercusión nos importes a pagar polos usuarios poderá oscilar entre o 9 e o 20%
  • A tarifa E-2 que se aplica aos profesionais que ocupan instalacións públicas redúcese un 8% e a de atraque de embarcacións deportivas un 2,5%
  • As empresas concesionarias beneficiaranse dunha rebaixa do 10% na taxa de ocupación de terreo, que poderán repercutir nos prezos dos servizos ao usuario

Santiago, 11 de xuño de 2013.- A Consellería do Medio Rural e do Mar, a través de Portos de Galicia vén de aprobar unha baixada xeralizada das taxas á aplicar aos usuarios, clientes e operadores dos peiraos autonómicos de cara ao ano 2014. O Consello de Administración do ente público ratificou esta medida proposta polo seu presidente, José Juan Durán, como incentivo á actividade económica que xeran as dársenas xestionadas pola Xunta de Galicia e que se estima beneficiará a uns 10.000 usuarios de xeito directo.

No marco da situación económica actual e co obxectivo de fomentar o maior uso das instalacións portuarias, optimizar o seu rendemento e adecuar os custes para os usuarios ao contexto global, Portos de Galicia rebaixará as tarifas e ampliará as bonificacións con especial atención aos sectores máis afectados e en concreto aos profesionais do mar. Esta baixada será a segunda nos últimos catro anos, logo da efectuada en 2010 e de tres anualidades nas que se mantiveron conxeladas.

Segundo contempla a modificación da normativa, a tarifa E-2 que se aplica por utilización de explanadas, alpendres, almacéns ou locais públicos, sen réxime de concesión, redúcese un 8%. Esta é a tarifa á que se acollen fundamentalmente os mariñeiros e mariscadores que ocupan os departamentos habilitados para o sector por Portos de Galicia.

As empresas que xestionan en réxime de concesión algunha instalación portuaria tamén se verán beneficiadas por esta medida. A taxa CIS por ocupación de terreo rebaixarase un 10%, de xeito que as concesionarias poderán repercutir tamén esta baixada nos prezos que aplican aos servizos que prestan aos usuarios. Esta reducción será tamén de aplicación, xunto coa da E-2, ás terrazas dos establecementos hosteleiros ubicadas en dominio público portuario.

A tarifa X-5, que se aplica ás embarcacións deportivas pola ocupación das instalacións portuarias, así como pola prestación dos servizos xerais de accesos terrestres e seguridade, entre outros conceptos, rebaixarase nun 2,5%. A esta reducción sumarase a que as empresas concesionarias decidan repercutir aos seus clientes pola baixada da citada taxa CIS. Así pois, sumadas as dúas reduccións aplicables á náutica recreativa, os usuarios de embarcacións de recreo terían un aforro estimado do 9%. Deste xeito preténdese estimular o sector do ocio marítimo, para maior aproveitamento do seu potencial económico, especialmente pola súa relación co turismo.

Finalmente, Portos de Galicia pretende incentivar o transporte marítimo de pasaxeiros a través da reducción da taxa por embarque e desembarque de persoas. Esta taxa X-3 beneficiarase dunha bonificación dun 10% ata os 50.000 embarques e dun 20% por riba desa cifra.