Pleno do Parlamento

Xunta, Ministerio e Grupo Popular coincidían en que era un mal acordo que non debía ser ratificado e traballaron intensamente para facer realidade este obxectivo

BALSEIRO SALIENTA O PAPEL ROSA QUINTANA POR ESTAR AÍ DESDE O PRINCIPIO APOIANDO Á FLOTA E DEFENDENDO A NECESIDADE DE CAMBIAR O ACORDO PESQUEIRO CON MAURITANIA

Mauritania

  • Agora ábrense novas posibilidades de corrixir un acordo cun obxectivo claro: que os buques cefalopodeiros volvan ao caladoiro mauritano a pescar, mais sempre sabendo que o acordo se debe asinar de acordo con Mauritania e non contra Mauritania.

Santiago, 12 de xuño de 2013.- O portavoz do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, puxo en valor o traballo de coordinación e intermediación liderado polo Goberno galego xunto ao Ministerio MAGRAMA para conseguir o fito de que a Comisión de Pesca do Parlamento europeo rexeitara o acordo pesqueiro con Mauritania, por entender que era negativo para os intereses dos mariñeiros galegos.

Balseiro salienta o papel Rosa Quintana que foi quen de “estar aí desde o principio apoiando á flota e defendendo a necesidade de cambiar o acordo pesqueiro con Mauritania”. De feito lembrou que Xunta, Goberno de España e Grupo Popular coincidían en que era un mal acordo que non debía ser ratificado e traballaron intensamente para facer realidade este obxectivo.

Populares e goberno galego coincidiron en que agora se abren novas posibilidades de corrixir un acordo cun obxectivo claro: que os buques cefalopodeiros volvan ao caladoiro mauritano a pescar, mais sempre sabendo que o acordo se debe asinar de acordo con Mauritania e non contra Mauritania. “Este será o obxectivo principal a conseguir e o punto de partida irrenunciable na renovación do novo acordo”

EN EUROPA DERON A TALLA

Durante a súa intervención Balseiro coincidiu con Rosa Quintana en salientar que esta votación negativa ante o mal acordo negociado por Bruxelas tivo uns claros protagonistas nos europarlamentarios “de todas as cores políticas”, cuxa lista comeza polo propio ponente: o presidente da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, Gabriel Mato, que culminou un excepcional traballo de meses, posto que xa aló por setembro anunciaba que a postura do ditame sería negativa ao acordo.

O portavoz popular do Mar, Jose Manuel Balseiro, si quixo salientar en todo caso o contraste entre o acontecido na Cámara europea e en Galicia. Porque mentres esta vez “todos os europarlamentarios xa o tiveron claro, souberon contra que deberiamos votar, non sempre foi así, porque en Galicia chegaron a votar en contra dunha proposición non de lei do Grupo Popular pedindo o rexeitamento deste mesmo acordo”.

“Non debería facer falta pedirlles que vaian a favor da flota e dos mariñeiros galegos” –dixo Balseiro- “pero está claro que en Galicia non son capaces de dar a talla pola irresponsabilidade dos partidos da oposición”