Comisión de Pesca 18 06 2013

O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, puxo en valor as xestións da Xunta para conseguir unha flexibilización dos criterios inicialmente previstos o que fixo posible regularizar 2.300 embarcacións galegas condenadas ao cese de actividade coa normativa inicialmente aprobada polo PSOE

O PARLAMENTO GALEGO, A INICIATIVA DO GRUPO POPULAR, APOIA A DECISIÓN DA XUNTA DE AMPLIAR O PRAZO DE REGULARIZACIÓN DAS EMBARCACIÓNS PESQUEIRAS

 Flota

  • O acordo final insta tamén á Xunta a dar audiencia aos interesados a través das federacións provinciais e galega de confrarías algo que terá lugar de xeito inminente
  • Os populares piden que se teña en conta o importante esforzo de centos de armadores xa fixeron para dar cumprimento aos requisitos establecidos no procedemento de regularización

 

Santiago, 18 de xuño de 2013.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, co voto dos deputados do Grupo Popular, unha iniciativa de apoio á Xunta na súa decisión de ampliar o prazo -ata o máximo legal permitido- para a regularización das embarcacións pesqueiras. A Cámara galega tamén demanda á Xunta que dea audiencia aos interesados a través das federacións provincias e galega de confrarías de pescadores, algo que, acontecerá –segundo anunciaron desde a propia administración- de xeito inminente.

O voceiro do Mar dos populares galegos, Jose Manuel Balseiro, dixo que ambas decisións buscan atopar solucións para un grupo de armadores -entorno a 150- cuxas embarcacións permanecen aínda sen regularizar. Explicou que, en todo caso, ningunha delas quedará fóra de actividade (fora do censo correspondente) xa que unha modificación normativa impulsada pola Xunta e acollida na lexislación estatal, permitiu introducir a denominada eficacia demorada e, con elo, deuse as garantías precisas para que poidan ser despachadas para usos pesqueiros.

FLEXIBILIZACIÓN DOS REQUISITOS INICIAIS

Segundo lembrou, Jose Manuel Balseiro o proceso de regularización de embarcacións pesqueiras iniciouse no ano 2007, coa aprobación da lei correspondente polo Goberno estatal do PSOE. Os rigorosos requisitos iniciais supuxeron que miles de embarcacións en Galicia quedaron fóra da lei, e para evitar iso a Xunta, comprometida co sector, promoveu diversas iniciativas ofrecendo solucións a estas problemáticas e logrando flexibilizar os requisitos iniciais o que permitiu a regularización de entorno a 2.300 embarcacións galegas.

Os populares aseguraron tamén que en todo este proceso se debe ter en conta o importante esforzo que centos de armadores xa teñen feito anteriormente para dar cumprimento ás necesidades e requisitos establecidos no procedemento de regularización. Dixeron, en consecuencia, que non se pretende tratar de xeito igual a quen cumpriu os requisitos para a regularización das súas embarcacións cos que non o fan, pero si dar posibles solucións para todos eles.

CONFRARÍAS

Balseiro volveu a defender a interlocución permanente e directa que a Xunta mantén coas confrarías galegas para este e outros aspectos da xestión e ordenación marítimo-pesqueira. Dixo que “foron as nosas confrarías as que aopoiaron un cambio normativo no relativo a prazos e achega de baixas para cubrir as fallas de arqueo e potencia propulsora e que nos consta que estas confrarías están a traballar na apertura de posibilidades de adecuar aínda máis o proceso de regularización, na agarda de manter o máximo número de embarcacións posible en estado operativo”