Cervo

Jose Manuel Balseiro explica que os veciños do núcleo rural de Fontao serán os que maiores beneficios aprecien, pero tamén moitas vivendas afectadas polos deslindes en San Ciprián

136 familias de Cervo poderán beneficiarse da reforma da Lei de Costas

Jose Manuel Balseiro

  • Afianza e dá seguridade xurídica aos propietarios das edificacións tradicionais do litoral anteriores ao ano 1988, desde o máximo respecto ambiental.

Cervo, 11 de xullo de 2013.- O secretario do Parlamento galego e deputado do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro explicou hoxe que ata 136 familias residentes no concello de Cervo poderán verse beneficiados pola reforma da Lei de Costas promovida polo Goberno central.

A nova normativa afianza e dá seguridade xurídica aos propietarios das edificacións tradicionais do litoral anteriores ao ano 1988, que poderán legalizar as súas vivendas, desde o máximo respecto ambiental.

Segundo a actualización dos datos que puido coñecer o deputado, 90 desas edificacións afectadas por Costas estarían en solo urbano, sobre todo da área de San Ciprián –que polas súas características xeográficas, é unha península, ten unha importante afectación dos deslindes, do dominio público marítimo terrestre-, 34 en terreos urbanizables e 12 construcións máis en solo rústico.

NÚCLEO DE FONTAO

O parlamentario explicou que os principais beneficiarios destas previsións son os veciños do núcleo rural de Fontao (entorno a 6 vivendas) que polas súas características –núcleo tradicional con construcións preto do mar, moitas veces vinculadas a actividades mariñeiras- será máis sinxelo realizar os seus trámites para a ordenación das súas vivendas, solicitude de permisos administrativos e realización de obras de mantemento e mellora, nunca de ampliación.

Jose Manuel Balseiro puxo en valor a especial sensibilidade do Goberno central por dar solución a unha serie de problemas cos que se viñan atopando os propietarios destas vivendas para a realización de obras menores, debido ao longo proceso administrativo e a dificultade para obter licenzas. Esta situación muda, coa nova normativa, pero sempre desde o máximo respecto ambiental e desde a garantía dunha rigorosa disciplina urbanística.

Protección do Litoral

O novo texto normativo protexerá mellor o litoral fronte aos excesos urbanísticos e xerará confianza e maior actividade económica. E beneficia a quen estaban lexitimamente no litoral, pero non supón unha amnistía para as situacións ilegais.

A lei protexerá mellor o litoral fronte aos excesos urbanísticos e xerará confianza e maior actividade económica, co obxectivo de ser un instrumento eficaz de protección e conservación do litoral, ademais de proporcionar seguridade xurídica aos cidadáns e empresas.