MANIFESTO DO PPdeG NO DÍA DE GALICIA

MANIFESTO DO PPdeG NO DÍA DE GALICIA

PPdeG
Como cada 25 de xullo, o Partido Popular de Galicia renova o seu compromiso con esta terra, o seu inquebrantable vínculo cun país puxante, o seu orgullo de pertencer a un pobo traballador e incansable que soubo sobreporse ás adversidades ao longo da súa historia.

Renovamos o noso compromiso porque seguimos crendo máis que nunca en Galicia, na capacidade de loita e sacrificio das súas xentes, no impulso dos seus sectores produtivos, na capacidade para innovar e superarse día a día, na forza para conquistar un futuro próspero que hoxe está máis preto que onte.

Un inquebrantable vínculo porque o PPdeG é o partido que máis se parece a Galicia, no que máis seguen confiando os galegos cada vez que son consultados, que honra día tras día a memoria do seu presidente fundador, Manuel Fraga, para quen esta terra era a base do seu pensamento político.

Orgullo de pertenza a unha sociedade que afrontou as dificultades derivadas da crise económica con responsabilidade, acometendo esforzos colectivos para, entre todos, facer de Galicia un referente nacional en materia de solvencia e confianza. Galicia é hoxe un exemplo a seguir por outros territorios, e a clave está en todos e cada un dos galegos.

Este 25 de xullo debe servir para reivindicar de novo un galeguismo profundo e integrador, que pon en valor todo o que nos une fronte ao pouco que nos poida diferenciar.

Os que prefiren dividir en lugar de sumar están a equivocar o espírito de Galicia, unha terra plural marcada polas influencias dun Camiño de Santiago que, se de algo serviu durante séculos, foi para forxar unha cultura a partir da diversidade dos peregrinos que o transitaban en busca do abrazo do Apóstolo.

Aqueles que empregan o galeguismo como xustificación de posturas políticas que quebrantan a normal convivencia dos cidadáns están pervertindo o sentido da nosa sociedade, desatendendo a vontade cidadá, traizoando a alma de Galicia.

Para o PPdeG, a defensa dos intereses de Galicia non é incompatible coa defensa dos intereses xerais do Estado. Porque cando Galicia prospera, tamén o fai España. Porque o galeguismo non é excluínte, senón todo o contrario. Galicia non confronta, senón que convence.

É neste contexto de durísima recesión económica cando máis importante é estar todos xuntos no obxectivo común: combater o drama do paro e deixar atrás a crise. Os galegos mostráronnos o camiño da unidade social. E o PPdeG expresa a súa firme vontade de que sexa posible unha unidade política, á que sempre foi favorable, coa man tendida, co diálogo como único argumento.

O galeguismo non é un conxunto de principios retóricos baleiros de contido, senón que tamén debe entenderse como unha ferramenta para o desenvolvemento económico do territorio. Grazas ao seu autogoberno, hoxe Galicia desenvolve unha política económica responsable, e é un modelo de solvencia e confianza dentro e fóra das nosas fronteiras. Esta é a mellor aplicación práctica posible do galeguismo.

No Día de Galicia, os populares galegos non nos esquecemos dos miles de familias que o están pasando mal por culpa da situación económica. Somos depositarios dun mandato moral para facer todo o posible polas vítimas do desemprego.

A Galicia do século XXI puxo as bases para saír antes e mellor da crise económica, pero sen que ninguén quede atrás. Fixémolo neste tempo de dificultades, servíndonos do noso autogoberno para que os servizos sexan máis públicos, máis sólidos e máis efectivos que nunca. E volverémolo a facer para crecer e volver retomar a senda da prosperidade. Porque o merecemos.

Este 25 de xullo sérvenos para renovar o noso compromiso, que se desenvolve os restantes 364 días do ano, nos que seguimos levando a Galicia non só no corazón, senón tamén na cabeza, para construír da man de todos os galegos un presente esperanzador que nos conduza a un futuro de oportunidades.

Porque hoxe non é só o Día de Galicia. Tamén o é de todos e cada un dos galegos e galegas.