O Hospital da Costa gaña novos servizos!

O SERGAS CREARÁ UNHA UNIDADE DE HOSPITALIZACIÓN A DOMICILIO PARA A ÁREA SANITARIA DA MARIÑA LUCENSE

hospital-da-costa

  • Este novo servizo sanitario operará nos concellos da área de influencia do Hospital da Costa
  • Trátase dunha alternativa asistencial á hospitalización convencional, que reduce as recaídas e mellora a confortabilidade do paciente

Lugo, 24 de xullo de 2013.- O Servizo Galego de Saúde porá en marcha despois do verán unha Unidade de Hospitalización a Domicilio (HADO) para a área sanitaria de Cervo. Dita unidade prestará servizo, polo tanto, aos concellos que forman a área de influencia do Hospital da Costa. Será a segunda Unidade de Hospitalización a Domicilio que opere na provincia de Lugo, despois da que xa funciona na área sanitaria centro, dependente do Hospital Universitario Lucus Augusti.

Coa creación da HADO na área sanitaria do norte da provincia, o Servizo Galego de Saúde busca achegar o maior número de servizos sanitarios posibles aos cidadáns e é, un exemplo máis, da determinación da Xunta de Galicia de potenciar o Hospital da Costa, ofertando máis competencias asistenciais e garantindo, desta forma, a súa continuidade e proxección de futuro.

A hospitalización a domicilio é unha alternativa asistencial que se mostra como unha das tendencias actuais da atención especializada. Con ela preténdese evitar ao enfermo a estadía nun lugar alleo ao seu contorno habitual e, ao mesmo tempo, optimizar a utilización de todos os recursos sanitarios dispoñibles, prestando ao paciente no seu domicilio a atención médica e de enfermería que o seu proceso requira, sen necesidade de ter que permanecer ingresado máis tempo do necesario.

A HADO da área de Cervo estará dotada de persoal médico e de enfermaría e contará con vehículos propios para os desprazamentos ata o domicilio do paciente do persoal sanitario. Ademais estará equipada con todo o material necesario para que o enfermo dispoña na súa casa dos mesmos coidados aos que o someterían se estivese ingresado no centro hospitalario.

O persoal desta unidade poderá realizar técnicas e tratamentos diversos, como electrocardiogramas, osixenoterapia, aplicación de soro ou realización de analíticas, entre outras. Ademais, poden solicitar ao hospital de referencia todas aquelas probas que consideren oportunas (radiografías, TACs, ecografías…). Polo tanto, este tipo de unidades dispoñen das técnicas diagnósticas e terapeúticas necesarias e garanten o acceso a toda a carteira de servizos do hospital, en igualdade de condicións que os pacientes ingresados en hospitalización convencional.

Os pacientes reciben periodicamente a visita do médico e do persoal de enfermería, e os familiares poden poñerse en calquera momento en contacto coa unidade no caso de que xurdira algunha complicación.

Este tipo de dispositivos asistenciais de atención especializada benefician, fundamentalmente, a aquelas persoas que padecen patoloxías crónicas, como as enfermidades pulmonares obstrutivas crónicas (EPOC), enfermidades cardiovasculares e hepáticas crónicas, entre outras, xa que son patoloxías que presentan frecuentes episodios de agudización e que, polo tanto, provocan continuos ingresos hospitalarios.

Procesos post cirúrxicos Este tipo de atención a través das Unidades de Hospitalización a Domicilio tamén se aplica aos pacientes que se atopan nos últimos días de hospitalización e que, pola súa patoloxía poden ser trasladados ao seu domicilio para continuar alí coa asistencia médica e de enfermería que requiran. Así mesmo, esta unidade prestará asistencia nalgúns procesos post cirúrxicos (cesáreas, mastectomías, apendicectomías, entre outros).

Coa posta en marcha da HADO os pacientes que, pola súa patoloxía ou proceso,  estean en condicións de acceder a este servizo poderían ser atendidos no seu fogar con todas as garantías asistenciais e sanitarias que ofrece un hospital. De feito, estudios realizados sobre o funcionamento destas unidades demostran que as descompensacións agudas de determinadas patoloxías prodúcense con menor periodicidade se o enfermo recibe os coidados no seu propio domicilio, é dicir, se non se afasta da súa forma de vida habitual.

Os equipos médicos que traballan na Unidade de Hospitalización a Domicilio, a petición do especialista correspondente, valoran o estado clínico e as necesidades asistenciais do enfermo, así como as súas circunstancias familiares, sociais… antes de decidir se é apto para ser atendido na súa casa. Ademais, por suposto, esta decisión adóptase sempre co consentimento e tendo en conta a opinión do propio paciente e da familia, xa que este tipo de atención ofértase como unha opción asistencial máis. Entre as vantaxes das HADO figuran o feito de que permiten diminuír a morbilidade inherente ao ingreso hospitalario (menos infeccións, menor incidencia de episodios de desorientación no ancián…) e reducen as recaídas. Por outra banda, o paciente goza de maior intimidade e confortabilidade no seu propio domicilio.