Sanidade pública

O compromiso do Goberno galego co Hospital da Costa fai que gañe novos servizos sanitarios reforzando a súa carteira asistencial pública

BALSEIRO SALIENTA QUE A NOVA UNIDADE DE HOSPITALIZACIÓN DOMICILIARIA CONFIGURA UN CENTRO MÁIS MODERNO E CON MÁIS CAPACIDADE DE ASISTENCIA AOS VECIÑOS DA MARIÑA

PropA

  • Grazas á hospitalización a domicilio, os mariñáns poderán recibir na súa casa un conxunto de tratamentos e coidados sanitarios dunha complexidade, intensidade e duración comparables ás que terían como pacientes no hospital convencional

A Mariña, 25 de xullo de 2013.- O secretario do Parlamento galego e deputado do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, salientou hoxe que a nova unidade de hospitalización domiciliaria que o Sergas ten previsto poñer en funcionamento -segundo o anuncio efectuado no día de onte- vén a reforzar a carteira de servizos públicos prestados no Hospital da Costa e a configurar un centro sanitario máis moderno e con máis capacidade de asistencia aos veciños da Mariña. A unidade inicíase como experiencia piloto, pero o deputado espera que demostrado o éxito da súa implantación e funcionamento, poida xeneralizarse e trasladarse ao conxunto da comarca.

O parlamentario dixo que o compromiso do Goberno galego co centro hospitalario da nosa comarca fai que gañe novos servizos e, através dos feitos, desminte a todos aqueles que pregoaban e seguen pregoando un falso peche do Hospital. De feito, lembra que, como calquera pode comprobar, a carteira de servizos deste centro lonxe de reducirse nos últimos anos conta con novas unidades, entre as que citou a de prevención precoz do cancro de mama (antes era itinerante) ou este novo servizo de hospitalización a domicilio.

O deputado dixo que todos estes reforzos –e outros moitos que están previsto acometer no futuro: como a apertura de novas vías rápidas na detección de varios tipos de cancro ou a renovación de moitos equipos técnicos– están configurando un Hospital que sexa capaz de resolver e atender ás necesidades dos doentes con maior eficacia e, incluso, sen necesidade des desprazamentos.

Balseiro dixo tamén que o SERGAS perfila moitos dos servizos que debe ter un hospital moderno, o Hospital da Costa do século XXI, coa meta posta no proceso máis ambicioso de todos, a ampliación, cuxos trámites administrativos xa comezaron tras o impulso e compromiso do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a licitación do novo Plan director.

VANTAXES DA HOSPITALIZACIÓN DOMICILIARIA

Entre as vantaxes do novo servizo Balseiro salientou que é especialmente útil para as familias de doentes que se vén na necesidade de recibir coidados paliativos xa que é unha alternativa á hospitalización clásica, proporcionando ao enfermo no seu domicilio a asistencia médica precisa: pois son os profesionais da saúde, desde doutores, a enfermeiros e outro persoal sanitario o que se despraza.

Grazas á hospitalización a domicilio, os mariñáns poderán recibir na súa casa un conxunto de tratamentos e coidados sanitarios dunha complexidade, intensidade e duración comparables ás que terían como pacientes no hospital convencional.

Ademais das vantaxes para os pacientes e para os seus familiares, as Unidades de Hospitalización a Domicilio permiten ao centro sanitario evitar estadías, liberando camas que poden ser utilizadas por outros enfermos. Así mesmo, dada a posibilidade de ingreso directo nestas unidades, lógrase evitar traslados innecesarios ao hospital, proporcionando unha atención integral.