Máis posibilidades de pesca para a pescada do norte

O voceiro do Mar, Jose Manuel Balseiro, reclama un incremento das posibilidades de pesca da especie de interese comercial máis importante para a flota galega de Gran Sol
 

O GRUPO POPULAR PIDE A BRUXELAS UN AUMENTO DA COTA DE PESCADA DO NORTE XA PARA A PRESENTE ANUALIDADE

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

 
 
  • Os datos científicos demostran que ten acadado o que se denomina como Rendemento Máximo Sostible o que permite incrementar o seu aproveitamento pesqueiro
  •  
  • Preto de noventa embarcacións das flotas galegas de arrastre e palangre de fondo en augas da UE poderían verse beneficiados de xeito inminente 
 
 
Santiago,  27 de agosto de 2013.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, José Manuel Balseiro, deu a coñecer hoxe en rolda de prensa que os populares galegos pedirán a Bruxelas un aumento da cota de captura para a pescada do norte a aplicar nesta mesma campaña, no ano 2013. 
 
Balseiro explicou que os populares veñen de rexistrar unha iniciativa -proposición non de lei- no Parlamento galego a través da que buscan trasladar esta petición á Comisión Europea, aos deputados das forzas parlamentarias galegas con representación na Eurocámara e ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, solicitude que formulan en consideración coa probada recuperación deste recurso nos caladoiros do norte.
 
“Existen datos obxectivos que demostran que o stock de pescada do norte está en moi boas condicións, desde o punto de vista da súa abundancia e para ser obxecto dun maior aproveitamento pesqueiro, xa que logo estaríamos acadando o que se coñece como Rendemento Máximo Sostible”- dixo Balseiro- “un concepto que recoñece as posibilidades de captura óptimas que poden extraerse desta poboación sen poñer en perigo a súa capacidade de rexeneración”.
 
A FLOTA GALEGA: A GRAN BENEFICIADA
 
Precisamente a abundancia deste recurso, a principal especie de interese comercial para a flota galega, xustifica -en opinión dos populares- a revisión da cota asignada a España nesta mesma anualidade na que se autorizou ao desembarco de 15.540 toneladas.
 
O portavoz do Mar do Grupo Popular explicou que de acollerse a súa petición, que conta co aval de múltiples informes científicos, estaría a beneficiarse dun xeito especial a Galicia xa que a nosa comunidade sirve de porto base a un bo número de embarcacións que desenvolven o seu traballo nos caladoiros de Gran Sol, Escocia e augas francesas do Golfo de Biscaia.
 
De feito, Balseiro explicou que son 87 embarcacións das flotas galegas de arrastre e palangre de fondo con permiso para faenar en augas da UE as que obterían un incremento das súas posibilidades de pesca de xeito inminente, xa na presente campaña
 
XA NO ANO 2013
 
“O bo estado do stock da pescada do norte, permite revisar as reparticións que se fixeron en 2013, sen ter por que agardar ao Consello de Ministros de Pesca da UE que determinará as cotas para 2014”- dixo Balseiro- “quen defendeu a necesidade que Europa sexa sensible e adopte decisións pensando tamén en recoñecer medidas en beneficio directo das posibilidades de pesca dos profesionais do mar, cando estas teñen un fundamento sólido, como é o caso”
 
Balseiro explicou tamén que tanto a Xunta de Galicia como o propio Ministerio do ramo “xa traballan nesta posibilidade na que contan con importantes aliados como é o Goberno de Irlanda”, petición que en todo caso “quedaría reforzada co apoio do Parlamento de Galicia, e sobre todo, se somos capaces de facelo de xeito unánime, co voto favorable de todas as forzas políticas da Cámara, ás que convido a sumarse a esta petición, que non é so a dun partido político, senón a do conxunto do sector”
 
PRECEDENTE 
 
Balseiro Orol concluíu sinalando que a petición formulada ten cabida na normativa comunitaria e de feito xa existe un precedente, o acontecido co aumento da cota da lanzón no ano 2010 a petición de Dinamarca. Naquel momento decidiuse un incremento que afectou ao TAC do ano en curso, idéntica petición á que agora formulan os populares.
 
Jose Manuel Balseiro estivo acompañado na rolda de prensa polo tamén deputado Angel Camino, o alcalde de Burela, Jose María González Barcia, polo portavoz popular en Viveiro, Antonio Bouaza e do responsable de pesca do PPdeLugo, Jesús Novo. Neste senso salientou que os portos de Celeiro, Burela, A Coruña, Viego e Riberia serán os máis beneficiados por esta proposta que, en todo caso poderá ter repercusión positiva no conxunto do sector e empresas pesqueiras e comercializadoras.