Opinión: xarda

<< Europa escoita >>

 

Xarda

Nós pedímolo, e Europa escoitou: A Unión Europea acordou prohibir a importación de arenque e de xarda procedente das Illas Feroe e vetar o acceso a todos os portos comunitarios da flota deste país, tras persistir este en condutas de sobrepesca no caladoiro atlántico noreste.

As institucións comunitarias acertan cando asumen como propia unha petición xusta, proporcionada e necesaria, cuxa reclamación liderou en Galicia o Partido Popular -a través dunha iniciativa no Parlamento galego- , que foi acollida pola Xunta e polo Ministerio

Xuntos reclamamos que se sancionara ás Illas Feroe baixo a premisa de que, nas augas que compartimos, non é posible que os esforzos pola pesca sustentable que están a facer os profesionais do mar galegos, e do resto dos territorios da UE, sexan desprezados por determinadas flotas que esquilman os nosos mares e, con elo, a posibilidade dun aproveitamento pesqueiro futuro.

Unha xestión pesqueira responsable esixe adoptar decisións sobre as posibilidades de pesca que non só teñan en conta factores inmediatos senón que tamén pensen no futuro, en manter uns stocks pesqueiros axeitados para que o mundo do mar continúe como unha actividade rendible e unha fonte de traballo para o sector.

En moitas ocasións temos que dar tiróns de orellas ás autoridades comunitarias que parecen non ter en conta a realidade do sector e o impacto das decisións de adoptan. Outras, liderados polos equipos responsables da Xunta e do Ministerio, somos quen de promover debates importantes en Bruxelas. Hoxe cando desde Bruxelas son capaces de facerse eco das nosa peticións recoñecemos que é unha boa decisión.

As sancións comerciais fronte a terceiros países non exclúen a posibilidade de seguir negociando coas Illas Feroe para que as súas flotas sexan respectuosas cun uso responsable das augas que compartimos. Pero si ofrecen unha imaxe contundente de que desde a UE estamos dispostos a adoptar as decisións que estimemos axeitadas para defender os nosos intereses. E sentamos precedente para que Islanda vaia tomando nota.

Para garantir o futuro do noso mar, fonte vital de alimento, emprego, comercio e benestar económico para as comunidades costeiras de todo o mundo, temos que apostar por un modelo baseado no respecto ao medio mariño e na sustentabilidade dos recursos pesqueiros. Un modelo de equilibrio entre o social e o natural. Un modelo que en augas comúns, temos que compartir todos.