Lei de Costas

O PSOE “mostra un forte desapego e insensibilidade cunha situación que afecta de xeito directo a entorno a un millar familias da Mariña e que a nova lei pretende solucionar dándolles certeza e garantía xurídica ás súas vivendas”

BALSEIRO CENSURA POR “INSENSATO E PERNICIOSO” O RECURSO PRESENTADO POLOS SOCIALISTAS ANTE O CONSTITUCIONAL CONTRA A NOVA LEI DE COSTAS

 Nucleos rurais mariñeiros afectados polos deslindes de costas

 

  • Lamenta que o PSOE se opoña á protección do litoral e a regularización de vivendas e negocios que gañarán en seguridade xurídica

  •  “Os socialistas poñen unha vela a Deus e outra ao demo, xa que por  unha banda presentan un recurso para anular a Lei e pola outra en moitos concellos nos que gobernan presentan expedientes de regularización

 

Santiago, 3 de setembro de 2013.- O secretario xeral do Partido Popular na provincia de Lugo, Jose Manuel Balseiro, censurou por “insensata e perniciosa” a decisión do PSOE de interpoñer un recurso ante o Tribunal Constitucional contra a nova Lei de Costas.

 O dirixente popular acusa aos socialistas de “sabotear” os esforzos do Executivo central por adaptar a normativa sobre recoñecemento dos núcleos costeiros á singularidade do litoral galego, e rexeitan o intento do PSOE de frear iniciativas avaladas e promovidas, no seu día, tanto pola Xunta como polo Parlamento de Galicia.

Balseiro lembra que só na comarca costeira de Lugo -A Mariña- a nova normativa permitirá regularizar a un millar de edificacións (maioritariamente vivendas) que, afectadas polos deslindes, tiñan múltiples dificultades para ver autorizadas obras menores e de mantemento, aínda que non supuxeran aumento da edificabilidade. De feito, só na Mariña existen máis dunha vintena núcleos rurais tradicionais que agora poderían verse beneficiados pola nova lei, que tamén permite regularizar a súa situación urbanística.

“Os socialistas dan mostra dun forte desapego e insensibilidade cunha situación que afecta de xeito directo a entorno a un millar familias da Mariña que precisamente a nova lei vai permitir solucionar dando certeza e garantía xurídica”

Balseiro insiste en que a norma aprobada garante a plena protección do litoral galego á vez que outorga seguridade xurídica aos propietarios que sufrían as inxustizas e arbitrariedades do texto anterior, a Lei de Costas de 1988.

INCOHERENCIA DOS SOCIALISTAS

Segundo Balseiro os socialistas “móvense nunha constante incoherencia, aínda máis insostible se temos en conta que nalgúns concellos, gobernados polo PSOE, como a Illa de Arousa, van presentar expedientes de regularización ao amparo da propia lei”, en resumen“ poñen unha vela a Deus e outra ao demo”

 A nova normativa –explica Balseiro- “afecta a construcións situadas entre os 20 e os 100 metros da liña de costa, e permite regularizar as construcións xa existentes, tanto desde o punto de vista da súa situación administrativa como na obtención de permisos para obras de mellora e mantemento, pero nunca abrindo a porta a novas edificacións”.

 CONCELLOS BENEFICIARIOS DOS EFECTO DA NOVA LEI

 Por concellos, Balseiro lembra que os datos que manexa o PP sitúan como os principais beneficiarios desta medida edificacións situadas en Viveiro, con 253, seguido do Vicedo con 170, Foz con 141, Ribadeo con 137, Cervo con 123, Barreiros con 100 e Burela e Xove con 92 cada un. Entre eles 25 núcleos rurais tradicionais como os de Viladaíde en Barreiros, Fontao en Cervo; Cangas, Corredoira, Fazouro, Nois e Vilaronte en Foz; Abrela, Curva, Gándara, San Roque, Poceira, Pazo, Sisto, Suavila, Randamil, Suaiglesia e Vicedo Vello no Vicedo; Cristo dá Trabe, Engrobias, Trabe e Portochao en Viveiro; e Ceranzos, Prada e Portocelo en Xove.