Gasoduto da Mariña

Novo avance nunha infraestrutura chamada a mellorar o tecido industrial da comarca e proporcionar acceso ao gas natural a 55.000 veciños

O PP DE LUGO AGRADECE O IMPULSO DO GOBERNO CENTRAL AO GASODUCTO DA MARIÑA COA EXPROPIACIÓN DOS TERREOS

 FOTO-REUNIONALCOA

  • A Delegación do Goberno asina a Resolución de levantamento de actas previas á ocupación das fincas nos 65 quilómetros de trazado da nova rede gasística que pasará polos concellos de Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove e Viveiro
  • Barreiro salienta que estamos ante un proxecto de interese público e social notorio, que contribúe ao aumento da competitividade industrial, ao crecemento da economía da comarca e ao acceso, tamén para as familias, a unha enerxía limpa e máis económica

 

 

San Ciprián, 5 de setembro de 2013.- Dirixentes do Partido Popular de Lugo encabezados polo seu presidente e portavoz no Senado, Xose Manuel Barreiro, mantiveron hoxe unha reunión co director da factoría de Alcoa, Rubén Bartolomé para dar conta dun novo e importante avance para o gasoduto da Mariña lucense. Na xuntanza participaron, ademais do número un dos populares lucenses, Xosé Manuel Barreiro, o secretario xeral, Jose Manuel Balseiro, o vicesecretario, Ramón Carballo, o deputado nacional Jaime de Olano e os alcaldes de Cervo e Xove.

En concreto avaliaron a decisión da Delegación do Goberno de asinar a Resolución de levantamento de actas previas á ocupación das fincas nos 65 quilómetros de trazado da nova rede gasística que percorrerá os concellos de Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove e Viveiro.

O gasoduto está chamado a ampliar a capacidade de transporte e subministro de gas natural no norte da provincia de Lugo e dar cobertura a unha poboación estimada de 55.000 veciños. Esta infraestrutura contribuirá, en palabras de Xosé Manuel Barreiro, “a mellorar o tecido industrial da comarca e proporcionar acceso ao gas a empresas e particulares”.

INVESTIMENTO MILLONARIO

Deste xeito, iníciase un procedemento administrativo de expropiación de terreos, que se efectuará polo trámite de urxencia, en atención á utilidade pública da infraestrutura a executar, e no que a Lei contempla prazos moi áxiles.

Para executar esta tan esperada rede de distribución de enerxía limpa disporase dun investimento conxunto que supera os 26,3 millóns de euros (26.391.821€). As canalizacións estarán soterradas en todo o seu percorrido, con una profundidade igual ou superior a un metro.

ALCOA

Nunha primeira valoración, Xosé Manuel Barreiro quixo salientar a decisión do Goberno central de impulsar un importante avance na tramitación deste proxecto e insistiu na utilidade do novo gasoduto para as empresas e familias da zona, para os futuros usuarios industriais e domésticos.

De feito, lembrou que uns dos principais beneficiarios da posta en marcha desta rede gasística é factoría da multinacional do aluminio ALCOA. Grazas ao gasoduto, esta empresa poderá completar o proceso de transformación das súas instalacións de fueloil a gas,o que servirá para reducir custes e emisións de gases contaminantes como o CO2.

A multinacional do aluminio é o principal motor de emprego da Mariña –con 1.150 postos de traballo directos aos que habería que sumar os indirectos- e representa o 30% do PIB do conxunto da provincia.

Barreiro tamén destacou que o gas natural supón unha ferramenta para o desenvolvemento da actividade industrial, agrícola e comercial, que fará máis eficaces, desde o punto de vista enerxético, aos axentes produtivos e promoverá unha nova dinámica industrial, á vez que achegará aos usuarios particulares unha enerxía máis barata e máis limpa