Comisión de Pesca 06 de setembro

O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular di que non hai que escatimar esforzos para conseguir unha renegociación do protocolo ou o seu rexeitamento definitivo

BALSEIRO DA A BENVIDA Á RECTIFICACIÓN DO BNG, QUE SE SUMA Á TESE DO GRUPO POPULAR CONTRARIO AO ACTUAL ACORDO PESQUEIRO CON MAURITANIA

Mauritania

  • Lembra que os nacionalistas chegaron a votar, o pasado mes de maio, en contra da petición para que os eurodeputados rexeitaran este acordo pesqueiro
  • O obxectivo fundamental é que o acordo inclúa posibilidades de pesca para os barcos cefalopodeiros no caladoiro mauritano
  • A Xunta de Galicia e o Goberno Central aúnan esforzos para exercer presión ante Europa para que non saia adiante o acordo pesqueiro con Mauritania

Santiago, 6 de setembro de 2013.- O portavoz do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, deu a benvida á rectificación do BNG que agora quere sumarse á tese do PP contraria ao actual acordo pesqueiro con Mauritania. Os populares defenden que o obxectivo fundamental é que o futuro acordo pesqueiro, para poder aprobarse, inclúa posibilidades de pesca para os barcos cefalopodeiros no caladoiro mauritano.

“Aínda que tarde os nacionalistas rectifican”, dixo Balseiro, quen lembrou que o BNG non apoiou o pasado 20 de maio unha iniciativa en Pleno do Grupo Popular na que pedían aos eurodeputados que rexeitaran este acordo. Despois, os nacionalistas rectificaron, desautorizando aos deputados do BNG en Galicia, e si votaron a favor das teses populares na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo.

INFORME NEGATIVO DA COMISIÓN DE PESCA

Balseiro lembrou que grazas ao intenso traballo do PP, da Xunta e do Ministerio acadouse un informe negativo da Comisión de Pesca do Parlamento europeo. Neste sentido, explicou que foi o eurodeputado popular Gabriel Mato quen asinou esta ponencia, que despois contou co apoio doutros eurodeputados de distintos grupos. No Grupo Popular, insisten que esta estratexia de presión debe continuar e esperan que trala rectificación BNG e PSOE estean á altura.

Balseiro tamén lembrou que neste momento a Xunta de Galicia e o Goberno Central aunan esforzos para exercer presión ante Europa para que non saia adiante o acordo pesqueiro con Mauritania ou, como mínimo, para que se renegocie o seu contido. Onte mesmo, en Madrid, a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, mantivo unha xuntanza para definir esta estratexia co secretario general de Pesca do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Carlos Domínguez, e a alcaldesa de Marín, María Ramallo

POSIBILIDADES PARA OS CEFALOPODEIROS

A postura de Galicia, que é a que defende o Grupo Popular, recolle a necesidade de que se inclúan posibilidades de pesca para os barcos cefalopodeiros nos caladoiros mauritanos para que poidan faenar en igualdade de condicións que outras flotas, países e recursos. Esta medida sería esencialmente beneficiosa para a nosa comunidade autónoma, de onde proceden a práctica totalidade dos barcos que se dedican á extracción deste molusco

Esta mañá o PP rexeitaba “por extemporánea” unha iniciativa do BNG sobre este particular, debatida no Parlamento galego, xa que o seu contido quedaba obsoleto, posto que desde o pasado mes de maio xa existe un pronunciamento da Cámara galega contrario aos termos actuais do acordo con Mauritania