Máis efectivos na loita contra o lume

O Bloque presenta mocións e emprega argumentos que amosan como están “fóra da realidade” todo para evitar ter que recoñecer a maior eficacia dos equipos de extinción que apagan o 76% dos lumes antes de que superen unha hectárea

BALSEIRO DESMINTE A VEIGA E NEGA RECORTES NO DISPOSITIVO CONTRA OS INCENDIOS

 la foto

  • Lugo conta cun dispositivo humano e material “idéntico” ao do pasado ano e incluso a previsión de brigadas municipais foi superada pola demanda dos concellos
  • “Resulta sorprendente que Veiga descoñeza que comarcas como A Mariña especializadas en especies de crecemento rápido como os eucaliptos e cun monte ben xestionado, son as que menos arden de Galicia

 

Lugo, 19 de setembro de 2013.- O secretario xeral do PPdeLugo e portavoz de Montes do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, desmentiu hoxe ao vicepresidente da Deputación, Antón Veiga, puntualizando que durante este ano a Xunta está a manter o esforzo contra os incendios forestais cun dispositivo humano e material “idéntico” ao do pasado ano para a época de maior risco.

Balseiro lembra que incluso se incrementaron “lixeiramente” os medios humanos xa que o número total de efectivos mesmo creceu en 19 persoas. Tamén, no cómputo xeral, hai que contabilizar unha brigada forestal máis.

MÁIS EFECTIVIDADE

Balseiro si criticou a falta de sensibilidade e colaboración “dunha minoría de alcaldes do BNG e do PSOE” que non quixeron participar nos convenios para a creación das brigadas municipais pese a que esta tarefa resultou moi positiva e permitiu que o case 8 de cada 10 incendios -o 76% do total dos que  se declararon este verán- se quedaron nun simple conato, isto é, non superou a hectárea

O portavoz popular lembra que a previsión de brigadas municipais foi superada pola maior demanda dos concellos e o seu traballo resultou “especialmente efectivo” xa que logo pese á gravidade dos lumes que  este verán afectaron, o número de hectáreas calcinadas  no que vai de ano na Comunidade é notablemente inferior ao de campañas precedentes.

NON ESTAMOS NO 2006

Balseiro dixo que sen ser triunfalistas “porque nunca é bo facelo en materia de emerxencias e coa campaña aínda en marcha”, si son datos máis positivos que nos fan esquecer o acontecido na vaga de incendios do ano 2006, precisamente na lexislatura na que o BNG tiña a responsabilidade de xestión deste dispositivo. Desde o PP aclaran que os nacionalistas si foron expertos en facer recortes no operativo xa que daquela, na responsabilidade de Goberno bipartito, anunciaron a redución dun 34% nos medios humanos, un 30% nos helicópteros e a cancelación do convenio con Defensa.

EUCALIPTOS

Por outra banda Balseiro lamentou que Veiga fale “fóra da realidade, tirando do argumentario do BNG pero sen contrastar nada do que di” e amosouse sorprendido porque alguén da Mariña poida incluso realizar afirmacións tan absurdas como que a introdución de árbores como piñeiros e eucaliptos contribúe a alimentar os lumes, cando a realidade é que as comarcas como a da costa lucense, especializadas na plantación de especies de crecemento rápido e que fixeron un importante esforzo de xestión do monte de forma coordinada entre os propietarios son as que menos arden en Galicia.