Rocío Mosquera anuncia a adxudicación do Plan Director

Balseiro pón en valor o anuncio efectuado hoxe pola conselleira de Sanidade no Pleno do Parlamento de Galicia

O SERGAS ADXUDICARÁ O PLAN DIRECTOR DO HOSPITAL DA COSTA NO PRÓXIMO MES DE OUTUBRO

Hospital da Costa (Burela)

  • Nove empresas concorreron á oferta pública para elaborar este documento que determinará como debe ampliarse as estruturas e servizos do hospital mariñán
  • O Goberno Galego destina un orzamento de 143.392 euros para financiar esta actuación

 

Lugo, 24 de setembro de 2013.- O secretario do Parlamento galego e deputado mariñán, Jose Manuel Balseiro, quixo poñer en valor o anuncio efectuado hoxe pola conselleira de Sanidade, durante a súa intervención no Pleno do Parlamento de Galicia, onde adiantou que o Goberno galego adxudicará o Plan Director do Hospital da Costa no próximo mes de outubro.

Balseiro dixo que “estamos ante unha magnífica noticia que vén a dar cumprimento ao compromiso adquirido polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo cos, veciños da Mariña e supón un impulso decisivo ao ambicioso proxecto destinado a ampliar, modernizar e mellorar esta  infraestrutura sanitaria”

NOVE EMPRESAS INTERESADAS

O SERGAS está avaliando as candidaturas presentadas polas nove empresas que concorreron á oferta pública para elaborar este documento técnico que determinará como debe efectuarse a ampliación estrutural e de servizos do centro hospitalario mariñá.

A este obxecto o Goberno galego destinaba un orzamento de 143.392 euros cando en maio deste ano o Presidente da Xunta anunciaba a súa licitación. Logo da adxudicación disporase dun prazo de execución de seis meses para elaborar o proxecto definitivo.

A próxima adxudicación anunciada hoxe, vén blindar unha actuación que busca dotar o Hospital da Costa de “máis capacidade para prestar un servizo público hospitalario en mellores condicións de capacidade asistencial e de confort hospitalario”