Islandia

O voceiro de Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, explicou que as autoridades comunitarias xa iniciaron un proceso sancionador contra as Illas Feroe por esta mesma razón que non dubidan en aplaudir desde Galicia

O GRUPO POPULAR DEFENDERÁ NA COMISIÓN DE PESCA DO PARLAMENTO GALEGO QUE EUROPA IMPOÑA SANCIÓNS A ISLANDIA POLA SOBREPESCA DE XARDA

Flota

 

  • A Unión Europea dispón de amparo lexislativo para prohibir as importacións de peixe e produtos pesqueiros procedentes de países que permitan a sobreexplotación dos recursos pesqueiros que nos son comúns

 

 Santiago, 30 de setembro de 2013.- O portavoz do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, defenderá na Comisión de Pesca do Parlamento galego, prevista para este mércores día 2 de outubro, unha iniciativa –unha proposición non de lei- para demandar ás autoridades comunitarias que impoñan sancións a Islandia pola sobrepesca de xarda no atlántico noreste.

Os populares sosteñen que de igual xeito que se ten iniciado un procedemento sancionador contra as Illas Feroe por este mesmo obxecto, feito que tamén aplauden, poida impoñerse sancións similares ao Goberno de Reikiavik ante a constatación de que a flota deste país esta incorrendo na sobreexplotación dos recursos pesqueiros nos caladoiros que nos son comúns, nos que tamén desenvolve a súa actividade a flota pesqueira comunitaria, entre ela, a galega.

Balseiro sinalou que os populares comparten a preocupación da flota pesqueira galega sobre o estado das reservas da xarda no Atlántico noreste e subliñou que “é crucial garantir unha pesca sostible desa especie que impida calquera tipo de risco no seu equilibrio pesqueiro”.

“A xarda é una especie comercial  moi valiosa para a flota galega e importante para a saúde da nosa industria pesqueira, polo que cómpre poñer fin ao saqueo irresponsable deste stock”- dixo Balseiro

Islandia e as illas Feroe aumentaron desde 2011 as súas cotas de pesca de xarda moito por riba dos seus dereitos históricos, o que, segundo a UE, supera as recomendacións científicas e sitúa eses recursos ao bordo do colapso.

AMPARO NORMATIVO

Balseiro explica, que a Unión Europea dispón  de amparo lexislativo para prohibir as importacións de peixe e produtos pesqueiros procedentes de países que permitan a sobreexplotación dos recursos pesqueiros e insiste e lembrar que, en base a esta nova lexislación,acordouse sancionar ás Illas Feroe coa restrición das importacións de arenque e xarda “por poñer en perigo os stocks ao triplicar de forma unilateral a súa cota de captura en augas coxestionadas por varios países”.

 O PARLAMENTO REFORZA A PETICIÓN

 O portavoz do Mar dos populares galegos lembrou finalmente que o acordo do Parlamento de Galicia, no que espera contar co apoio das forzas políticas da oposición, serviría para reforzar unha petición que xa  conta co visto e prace da Xunta de Galicia e dos gobernos de España, Irlanda, Reino Unido e Francia, que esixiron á Comisión Europea que actúe dunha vez contra Islandia e as Illas Feroe