Comisión de Pesca 02/10/2013

O voceiro do Mar Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, defende o modelo dos actuais plans de xestión anuais que son propostos polo sector e validados e aprobados pola administración

O APOIDO DA XUNTA PARA O APROVEITAMENTO E RECUPERACIÓN PRODUTIVA DA RÍA DE VIGO MATERIALÍZASE NOS MÁIS DE 580.400 € ACHEGADOS PARA PROXECTOS DE REXENERACIÓN MARISQUEIRA

Marisqueo

  • A estes recursos habería que sumar as axudas económicas para as asistencias técnicas e para a contratación de gardapescas
  •  Na ría de Vigo a explotación do marisqueo a pé desenvolvese a través de plans de explotación que presentan individualmente as entidades asociativas dende o ano 2009
  •  Marisqueo a flote: En 2013 por primeira vez en moitos anos, presentase un plan de explotación conxunto de dúas entidades que aglutinan a todas as confrarías/entidades coa salvedade da confraría de Arcade

Santiago, 2 de outubro de 2013.- O portavoz do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, defendeu hoxe que o apoio da Consellería do Mar á recuperación e aproveitamento produtivo da ría de Vigo é indiscutible e así o demostran as achegas económicas recibidas tanto para a posta en marcha dos proxectos para a recuperación dos bancos marisqueiros menos produtivos, como tamén outras  axudas do Goberno galego para a contratación das asistencias técnicas –biólogos- e vixilancia –gardapescas-.

 Estes argumentos, e a defensa pechada do modelo dos actuais plans de xestión anuais -que son propostos polo sector e validados e aprobados pola administración- valeron para que o Grupo Popular rexeitara a iniciativa do BNG na que reclamaban, distintas medidas a adoptar por parte da Consellería do Medio Rural e do Mar para a recuperación dos bancos marisqueiros da Ría de Vigo.

RECUPERACIÓN PRODUTIVA

 Balseiro explicou que cada ano a Consellería do Medio Rural e do Mar outorga axudas económicas a proxectos de rexeneración dos bancos con problemas de produtividade.

 No ano 2010 :

  • Se aprobaron 6 por un valor total de 196.247 €

 No ano 2011 :

  • Se aprobaron 6 por un valor total de 234.617 €

 Este ano 2013 :

  • Se aprobaron 11 por un valor total de 149.545 €

 A isto cómpre engadir a axuda económica repartida entre as entidades da ría de Vigo para contratar as asistencias técnicas dende mediados do pasado ano ata mediados deste ano foi de 165.357 €. Por outra banda a axuda económica repartida entre as confrarías da ría de Vigo para contratar gardapescas dende mediados do pasado ano ata mediados deste ano foi de 222.398 €. Estas axudas teñen como obxectivo mellorar a xestión, control e vixilancia da explotación dos recursos marisqueiros

O deputado salienta que todos os proxectos de rexeneración aprobados contemplan a compra de semente de moluscos co fin de acelerar o proceso de recuperación, despois de realizar as labores de acondicionamento do sedimento

SOBRE O MARISQUEO A PÉ:

Balseiro tamén explicou que na ría de Vigo a explotación do marisqueo a pé desenvolvese a través de plans de explotación que presentan individualmente as entidades asociativas dende o ano 2009. Ata o ano 2008 a explotación de todos os bancos excepto na confraría de Baiona, realizábase a través dun único plan de explotación pero as entidades consideraron que este sistema non era o máis axeitado á realidade da explotación que estaban desenvolvendo, polo que para o ano 2009 todas as entidades presentaron plans de explotación individuais, permanecendo esta fórmula ata a actualidade.  Todo isto, sen prexuízo da existencia de plans de explotación conxunto para determinadas zonas

SOBRE O MARISQUEO A FLOTE

Finamente, os populares desmentiron o argumento empregado polo BNG xa que pode apreciarse que os desacordos entre colectivos das confrarías, e entre entidades do marisqueo a flote xa se iniciarán con moita antelación a entrada en vigor da lei que prorrogaba os mandatos electorais.

“Nada ten que ver este proceso de unificación electoral cos desacordos sobre a plan de xestión do marisqueo a flote” dixo Balseiro quen insistiu que “o PP defende en que o proceso electoral sexa único, que todas as confrarías galegas teñan  iguais condicións e que ademais son lexítimos os actuais dirixentes que foron votados”

Cómpre insistir en que as diferenzas no marisqueo a flote: veñen de moi antigo, a pesar dos diferentes intentos durante anos por parte da administración de que tivese lugar unha xestión mediante un plan de explotación conxunto, en todo caso cómpre salientar un avace: No ano 2013, por primeira vez en moitos anos, presentase un plan de explotación conxunto de dúas entidades que aglutinan a todas as confrarías/entidades coa salvedade da confraría de Arcade, pero á cal ten a porta aberta para integrarse.

A pesares da dificultades de entendemento entre o sector, á hora de propoñer as medidas de xestión, todas as confrarías, e algunhas das cooperativas, tiveron contratadas asistencias técnicas subvencionadas pola consellería, coordinadas polo persoal técnico da xefatura territorial da consellería.