Mar

O voceiro do Mar do Grupo Popular pregúntase que é o que fai o seu homólogo no Grupo Socialista no Parlamento galego se non é partidario de apoiar as iniciativas que, promovidas polo PP nesa Cámara, trasladan as necesidades do sector pesqueiro galego

BALSEIRO ACUSA A VAL ALONSO (PSOE) DE TRAIZOAR OS INTERESES DO SECTOR PESQUEIRO GALEGO POR PURO SECTARISMO PARTIDISTA

 PropA

  • Os socialistas non apoiaron iniciativas como a flexibilización da prohibición dos descartes, o rexeitamento ao acordo con Mauritania, a imposición de sancións a Islandia e Illas Feroe ante a sobrepesca de xarda, a modernización da normativa sobre tripulacións mínimas ou para o aproveitamento do turismo mariñeiro
  •  En múltiples ocasións o PSOE en Europa corrixe ao portavoz socialista galego e votan a favor das mesmas iniciativas que o PSOE rexeita en Santiago

 

Santiago, 03 de outubro de 2013.- O portavoz do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, acusou hoxe ao seu homólogo no Partido Socialista, Jose Ramón Val Alonso, non estar á altura da defensa dos intereses do sector pesqueiro galego e de desenvolver unha liña de torpedeo e falta de apoio a todas as iniciativas que, promovidas polo Partido Popular no Parlamento de Galicia, son positivas para a nosa flota.

Balseiro lembrou que o PSOE na Cámara galega chegou a votar en contra de iniciativas tan obxectivamente positivas para a pesca galega como son: a petición do PP para que se flexibilizara a prohibición dos descartes pesqueiros, a actualización da normativa sobre tripulacións mínimas, o rexeitamento do acordo pesqueiro con Mauritania mentres exclúa á flota cefalopodeira, a adhesión ás propostas realizadas pola Federación Galega de Confrarías de Pescadores sobre o plan de xestión do caladoiro nacional do Cantábrico noroeste, as propostas do PP sobre as medidas para facilitar o proceso de regularización das embarcacións pesqueiras galegas, a petición a Europa para que recoñeza as peculiaridades da flota artesanal e do marisqueos galegos ou finalmente, a iniciativa popular sobre a potenciación do turismo mariñeiro.

Balseiro incluso lembra que ata tal punto chegou o sectarismo do portavoz socialista que mantivo en dúbida ata o último momento a posición do seu grupo sobre o apoio a unha medida tan positiva como a solicitude do aumento da cota da pescada, que promovida polo Partido Popular, contaba co respaldo –incluso presencial- dos representantes do sector pesqueiro galego e mariñán.

MARXINALIDADE E INDEFINICIÓN

O parlamentario popular preguntouse como é posible que Val Alonso non sexa capaz de votar favorablemente aquilo que demanda o sector e, nese caso, que é o que apoia este deputado que coa súa neglixente toma de posición leva ao Grupo Socialista en temas pesqueiros polo abismo da indefinición e da marxinalidade.

Balseiro lamenta que cando se trata de falar do futuro dun sector tan importante para Galicia como é o da pesca e do marisqueo o PSOE non teña no Parlamento galego unha persoa coa experiencia e a responsabilidade que caracterizaba a outros deputados que lle antecederon, como pode ser incluso Ismael Rego, con quen era posible consensuar moitas das iniciativas que contaban co apoio do sector.

CONTINUAS RECTIFICACIÓNS DESDE EUROPA

O portavoz popular explicou finalmente que a posición de traizón que protagoniza Val Alonso aos intereses do sector pesqueiro galego lévalle ao PSOE a contradicirse, xa que en moitas ocasións –como puido ser o caso dos descartes ou do acordo pesqueiro con Mauritania- os socialistas votaban en contra no Parlamento de Galicia e a favor no Parlamento europeo das teses defendidas polo PP, corrixindo e rectificando a errada posición do PSOE da man de Val Alonso.