Parlamento

Tomás Fernández-Couto respondeu a distintas preguntas na Comisión 7ª do Parlamento

 O SECRETARIO XERAL DE MEDIO RURAL E MONTES LEMBRA QUE O 80% DOS LUMES DA ÉPOCA DE ALTO RISCO QUEDARON POR DEBAIXO DE 1 HECTÁREA DE SUPERFICIE

Montes

 

Santiago, 04 de outubro de 2013.- O secretario xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, lembrou esta mañá no Parlamento que case o 80% dos lumes que se produciron nos meses de xullo, agosto e setembro non chegaron a 1 hectárea de superficie. Tamén dixo que nese mesmo período de tempo houbo 2.938 lumes, dos que só 46 superaron as 50 hectáreas, o cal representa o 1,5 % do total.

Tomás Fernández-Couto agradeceu o traballo e esforzo de todos os medios dos servizos de extinción de incendios forestais en Galicia. “Galicia dispón dun potente operativo con moita experiencia, é moi difícil atopar equipos de extinción que actúen coma este”, sentenciou e lembrou a eficacia coa que se desenvolveu o operativo “nun ano de especiais condicións meteorolóxicas adversas”.

Á vista dos datos, Fernández-Couto cualificou a campaña en xeral como boa, ao tempo que informou de que dende o 2010 ata este ano se produciron unha media de 4.350 lumes por ano. “Aínda que a situación mellora de forma importante grazas ao traballo que hai detrás”, dixo “o número de incendios e a actividade incendiaria seguen sendo elevados”.

O secretario xeral tamén fixo fincapé en certas circunstancias que foron concorrentes en moitos dos incendios acaecidos en Galicia. Así destacou que se detectaron moitos lumes nos mesmos lugares coas mesmas horas de inicio, a existencia de varios focos, preto das vivendas e en condicións atmosféricas moi duras –temperaturas moi altas e vento do nordés- o que evidencia a intencionalidade. Proba disto é que este verán se produciron 23 lumes nos que se decretou o Nivel 1 de alerta pola proximidade aos núcleos de poboación.