Hospital da Costa- Novos servizos

Jose Manuel Balseiro, autor da iniciativa, amosa a súa satisfacción polo respaldo acadado pola súa proposta e lembra o alto interese social da mesma

O PARLAMENTO DE GALICIA AVALA A PROPOSTA DO GRUPO POPULAR PARA QUE OS PACIENTES DE CANCRO RECIBAN O SEU TRATAMENTO NO HOSPITAL DA COSTA

 Jose Manuel Balseiro Orol

  • A Cámara galega insta á Xunta a poñer en marcha os mecanismos necesarios para  que evitar o desprazamento de entorno a  80-100 veciños da Mariña que recibían quimioterapia na cidade de Lugo do da Coruña
  • A iniciativa prosperou sen ningún voto en contra e co apoio de populares e nacionalistas

 

Santiago, 10 de outubro de 2013.-  O Parlamento de Galicia vén de aprobar, por unanimidade, a proposta defendida polo deputado do Grupo Popular Jose Manuel Balseiro, para que os pacientes con enfermidades oncolóxicas (cancro) poidan recibir o seu tratamento de quimioterapia no Hospital da Costa, isto é, no seu centro hospitalario máis próximo e de referencia.

SEN VOTOS EN CONTRA

Jose Manuel Balseiro amosou a súa satisfacción polo acordo acadado, que saíu adiante sen ningún voto en contra, aínda que lamentou a abstención dos grupos da oposición que non foron quen de valorar o alto interese social deste medida que, entre outras vantaxes, evitará que entorno a 80-100 veciños da Mariña teñan que desprazarse ata a cidade de Lugo ou da Coruña, para recibir os seus tratamentos médicos.

 Balseiro lamentou que socialistas e AGE non foran quen de votar favorablemente ante a posta en marcha dun servizo obxectivamente positivo para a comarca e, agradeceu o voto favorable do BNG.

O acordo implica un mandato do Parlamento de Galicia á Xunta, para que, a través do Servizo Galego de Saúde (SERGAS) inclúa todos aqueles tratamentos de quimioterapia que –en función do criterio médico– poidan ser proporcionados no Hospital da Costa, así como tamén todas as probas complementarias e análises ás que son continuamente sometidos os pacientes con cancro.

PROXIMIDADE COA SÚA FAMILIA

Durante a súa quenda de intervención Balseiro explicou que, cando se poña en marcha este proxecto os pacientes aforraranse os prexuízos que, no seu estado de convalencencia provócanlle os traslados á capital da provincia. E ademais, cada un deles veranse beneficiados pola proximidade coa súa familia.

VANTAXES DA XESTIÓN INTEGRADA

O deputado popular sostivo que a Cámara galega debe ser capaz de dar resposta ás necesidades máis urxentes e graves dos cidadáns, no ámbito da saúde, entre as que estaría un achegamento á comarca deste tipo de tratamentos. Indicou tamén que a creación desta unidade básica de oncoloxía é máis factible grazas á posta en marcha do sistema de xestión integrada das áreas sanitarias lucenses, que facilitan o desprazamento dos profesionais, neste caso oncólogos, desde Lugo ata as distintas comarcas da provincia, si así se precisa.

Balseiro tamén adiantou que o SERGAS vén traballando, precisamente desde a posta en marcha do modelo de xestión integrada no estudo de necesidades para facer posible este novo servizo, que incluiría habilitar os espazos axeitados para que poidan acoller aos doentes, a tecnoloxía médica precisa e o persoal sanitario correspondente.

 CÁNCRO

O cancro supón a segunda causa de mortalidade en Galicia, polo que require un tratamento adecuado e próximo. Por fortuna, na inmensa maioría dos casos hai unha alta porcentaxe de supervivencia. O feito de facer máis doado pasar todo este proceso, é un dos obxectivos básicos da iniciativa dos populares.