Punto limpo en Cervo

A comunidade galega xa dispón de 132 puntos limpos e 5 en tramitación e construción

Medio Ambiente inviste 270.000 euros no punto limpo de Cervo co fin de xestionar os residuos especiais deste concello lucense

IMG_4857

  • Esta nova infraestrutura, que supón o punto limpo número 30 da provincia de Lugo, consta de 28 contedores (para madeira, roupa, cartón, envases) e un almacén de RAAES (Residuos de Aparatos Eléctricos e Electrónicos)
  • Os puntos limpos, a través da adecuada xestión de residuos, maximizan as opcións de recuperación, reciclaxe e valorización dos materiais achegados

Cervo (Lugo), 11 de outubro de 2013.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de poñer en servizo o punto limpo de Cervo, unha instalación para a xestión dos residuos especiais, xa sexa polo seu volume ou perigosidade. O conselleiro Agustín Hernández visitou hoxe estas instalacións, que funcionan dende o pasado mes de xullo.

O Goberno galego, a través da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, realizou unha achega económica de 270.000 euros para facer realidade este punto limpo ubicado no polígono industrial de Cuíña.

As instalacións dispoñen de dúas plataformas a distinto nivel, unha elevada a 1,45 metros por riba da outra, quedando separadas a zona de carga da de descarga e co desnivel axeitado para facilitar a vertedura en colectores.

Esta nova infraestrutura, que supón o punto limpo número 30 da provincia de Lugo, consta de 28 contedores (para madeira, roupa, cartón, envases…) e inclúe un almacén de RAAES (Residuos de Aparatos Eléctricos e Electrónicos).

PUNTO LIMPO DE CERVO
– 7 contedores abertos para madeira, metais, entullos, residuos voluminosos e plásticos
– 1 contedor metálico de roupa
– 1 contedor metálico para cartón
– 1 contedor tipo iglú para vidro
– 1 contedor tipo iglú para envases
– 1 contedor de dobre casco para disolventes
– 1 contedor de dobre casco para aceites minerais
– 1 contedor de dobre casco para aceites vexetais
– 2 bidóns para as pilas
– 2 contedores para pilas
– 2 contedores para fluorescentes
– 2 contedores para baterías
– 2 contedores para residuos perigosos
– 1 contedor para vidro plano
– 1 contedor para aerosois
– 1 contedor para radiografías

132 puntos limpos en Galicia Hernández lembrou que a comunidade galega xa dispón de 132 destas instalacións e completaranse con 5 máis que están en tramitación ou construción (Fene, Sada, Trabada, A Veiga e Nigrán).

A Consellería de Medio Ambiente, publicou unha Guía de clasificación de residuos en puntos limpos. Neste manual inclúese información de utilidade para os operarios sobre a xestión dos distintos tipos de residuos, pretendendo que a través dunha mellor formación se maximicen as posibilidades de recuperación, reciclaxe e valorización dos diferentes materiais achegados. Esta iniciativa enmárcase dentro do Programa de Vixilancia e Control dos Puntos Limpos que a Consellería desenvolve co fin de prestar asesoramento e avaliar a xestión que se fai dos residuos.

O Plan de Xestión de Residuos Sólidos Urbanos 2010-2020, no que se enmarcan este tipo de instalacións, prevé o aumento da rede de puntos limpos, coa consecución de 296 infraestruturas na comunidade galega.