Comisión de Pesca

O portavoz do Mar do Grupo Popular rexistrou diversas iniciativas que serán obxecto de análise na Comisión de Pesca e Marisqueo prevista para este venres día 18

BALSEIRO DEFENDE O NOVO ACORDO DE PESCA CON MARROCOS E INTERPELARÁ AO GOBERNO GALEGO SOBRE A INTENCIÓN DE BRUXELAS DE PROHIBIR O USO DE ARTES DE ARRASTRE E ENMALLE DE FONDO

 Marcolax

  • O novo acordo con Marrocos garantirá a actividade dun centenar de buques, na súa maioría de carácter artesanal, con máis de 700 tripulantes, principalmente de Andalucía, Canarias e Galicia
  • Balseiro tamén quere que o Goberno galego aclare cales son as xestións teñen previsto levarse ante as institucións comunitarias para evitar prexudicar ás flotas de arrastre

 

Santiago, 16 de outubro de 2013.- O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro formulará na Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia -prevista para este venres día 18- dúas iniciativas de relevancia no ámbito pesqueiro, como son o debate e votación dunha iniciativa instando á Xunta a apoiar a sinatura do novo acordo pesqueiro entre a UE e Marrocos e a interpelación a responsables da Consellería do Medio Rural e do Mar ante a previsión de Bruxelas de prohibir a actividade das flotas de arrastre e enmalle de fondo.

NOVAS OPORTUNIDADES EN MARROCOS

Balseiro quere que o Parlamento de Galicia inste á Xunta e ao Ministerio a proseguir as xestións diante das autoridades comunitarias para conseguir a ratificación definitiva do acordo de pesca asinado entre la UE e o Reino de Marrocos

O deputado popular explica que este pacto internacional permitirá á flota comunitaria, principalmente española, regresar aos caladoiros que xestiona o Goberno marroquí e que foron pechados fai case dous anos polos problemas para renovar o convenio anterior.

O novo acordo garantirá a actividade a un centenar de buques españois, na súa maioría de carácter artesanal, con máis de 700 tripulantes, principalmente de Andalucía, Canarias e Galicia. Só da nosa comunidade viñan operando nese caladoiro 16 barcos galegos: 5 arrastreiros e 11 palangreiros de fondo.

O acordo de pesca fraguado tras nove meses de intensivas negociacións supón unha mellora con respecto ao acordo anterior, xa que se aumentaron as posibilidades de pesca, o que incidirá de xeito positivo na rendibilidade da flota e confírelle a esta unha enorme importancia económica, social e política

Queda pendente por parte da UE para a entrada en vigor, a súa firma e ratificación polo Consello de Ministros e o Parlamento da UE; neste último, é onde o Goberno centra as súas actuacións para que finalmente o protocolo entre en vigor e non se produzan sorpresas como aconteceu en decembro de 2011.

AUGAS PROFUNDAS

Balseiro tamén quere coñecer a posición da Xunta ante a proposta da Comisión Europea pola que se pretende prohibir, de xeito gradual, o uso das artes de pesca de arrastre e de enmalle nas pesquerías de augas profundas.

 Quere que o Goberno galego aclare cales son as xestións que se desenvolveron e teñen previsto levarse adiante ante as institucións comunitarias para frear esta proposta e que a Xunta certifique o impacto que unha decisión destas características provocaría nun amplo sector da flota galega composto por máis de 300 embarcacións en Galicia que dan emprego directo a entorno a 2.500 profesionais.