Orzamentos 2014

Os principais compromisos do Goberno galego disporán na vindeira anualidade de respaldo orzamentario “con nome e apelidos”

O GRUPO POPULAR SALIENTA QUE OS ORZAMENTOS DA XUNTA PARA 2014 DARÁN UN NOVO IMPULSO ÁS GRANDES INFRAESTRUTURAS DA MARIÑA LUCENSE

 Sin título

  • Hospital da Costa: Por primeira vez as contas autonómicas contemplan unha partida específica para o proxecto de ampliación integral do centro hospitalario, por valor de 190.000€
  • Corredor Costa Norte: Preto dun millón de euros permitirán o desbloqueo desta infraestrutura e servirán para impulsar o tramo autonómico en execución
  •  Acceso ao porto de Burela: A importante achega económica permitirá facer realidade o inicio das obras xa nesta anualidade
  •  Residencia de Foz: O compromiso do Goberno galego e do Partido Popular aparece reflectido cunha partida orzamentaria concreta

 

Santiago, 21 de outubro de 2013.- Os deputados do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro e Vidal Martínez-Sierra fixeron hoxe unha primeira valoración do contido dos orzamentos da Xunta para o ano 2013 en relación coa nosa comarca, e salientaron que a pesares do momento de crise e de axustes –que sitúan o global dos orzamentos dispoñibles nos niveis do ano 2005– as contas autonómicas contemplan consignacións concretas, que farán posible dar un novo impulso ás grandes infraestruturas da Mariña lucense.

 Os deputados indicaron que quizá moitas destas partidas non achegan as contías que todos desexaríamos, pero si servirán para dar un respaldo orzamentario “con nomes e apelidos” a todos aqueles compromisos adquiridos polo Partido Popular e polo Goberno galego -a través do seu presidente ou dos conselleiros- e farán posible avanzar na execución das mesmas ao longo da próxima anualidade.

 HOSPITAL DA COSTA

 Os deputados quixeron comezar facendo unha mención expresa a un feito moi salientable: por primeira vez na súa historia uns orzamentos da Xunta disporán dunha partida para o proxecto de ampliación integral do Hospital da Costa. Son 190.000 euros que por un erro  figuraban atribuídos ao centro de saúde de Burela pero que en realidade, teñen por obxecto financiar a execución destas actuacións só no hospital da Mariña (atención especializada).

 Os deputados sinalan que esta achega servirá avanzar nos pasos pendentes: de xeito inminente, coa adxudicación do proxecto de redacción do plan director –que a empresa adxudicataria terá que elaborar nun prazo máximo de 6 meses- e a licitación e posterior adxudicación do novo proxecto construtivo, que determinará as características técnicas das obras a executar no hospital.

 CORREDOR DA COSTA

 O orzamentos da Xunta tamén permitirán o desbloqueo das obras do tramo autonómico do corredor da Costa, actuacións para as que a Xunta destina un millón de euros. Os deputados sinalan que a Xunta xa realizou a obra de maior complexidade técnica –o desmonte- no treito entre San Cibrao (Cervo) e Celeiro, cuxo trazado sufriu unha modificación que supuxo o aprazamento provisional da súa execución. Ao mesmo tempo servirán para facer realidade o compromiso adquirido polo conselleiro de MATI, respecto das expropiación do tramo que transcorre por Celeiro e Viveiro.

 ACCESO AO PORTO DE BURELA

 Os orzamentos da Xunta tamén contemplan a obra de acceso ao porto de Burela que reflicte o compromiso adquirido polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen adiantou a súa intención de achegar os recursos necesarios para facer realidade esta tan ansiada obra que permitirá desconxestionar o tráfico nesta localidade e dar acceso directo a un dos portos pesqueiros e comerciais máis importantes da comarca.

 Os 860.000 euros que destina o Goberno galego permitirán licitar, adxudicar e financiar o inicio dos traballos de execución deste proxecto tras longos anos de espera e multitude de dificultades, incluso xudiciais.

 RESIDENCIA DE FOZ

 No ámbito social os deputados destacaron que por primeira vez tamén, os orzamentos da Xunta contemplan unha achega para dar respaldo económico ao proxecto que permitirá dotar ao concello de Foz dunha residencia para persoas maiores e dependentes. Outro dos compromisos adquiridos polo Partido Popular e pola propia Xunta, tanto cos veciños deste concello como cos do conxunto da comarca que poderán verse beneficiados deste novo centro cuxa tramitación recibe o apoio inicial das contas autonómicas.

OBRAS HIDRÁULICAS

 No ámbito das actuacións hidráulicas os deputados do PP salientaron a achega de 6,07 millóns de euros para acometer o abastecemento dos núcleos de Barreiros (San Cosme e San Pedro de Reinante) que permitirán dotar deste servizo esencial aos veciños e ás actuacións urbanísticas desenvolvidas neste municipio. E tamén salientan a achega en materia de infraestruturas hidráulicas contempla tamén 820.000 euros para a explotación da EDAR de Ribadeo.

OUTRAS ACTUACIÓNS

Os orzamentos da Xunta tamén inclúen partidas para o impulso do solo empresarial, a máis importante é a destinada para o parque industrial de Barreiros que servirán de apoio para facilitar a chegada o desenvolvemento de novos proxectos industriais e, con el, tamén fortalecer a chegada de novas oportunidades no ámbito do emprego.

Balseiro e Martínez-Sierra sinalan, finalmente, que tamén hai outras moitas achegas correspondentes a partidas xenéricas que permitirán desenvolver proxectos nos concellos da Mariña lucense en ámbitos como Portos de Galicia, Benestar, Xustiza e obras de mantemento ou consolidación de infraestruturas, ou de apoio aos concellos no ámbito cultural e de benestar e nos centros de saúde.