Comisión de Asuntos Europeos

O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Baleiro, lamenta as incongruencias da oposición, que un día están ao carón do sector pesqueiro galego e outro votan en contra dos seus intereses

O GRUPO POPULAR LEMBRA QUE A XUNTA DE GALICIA VÉN PARTICIPANDO EN EUROPA NAS MESAS DE NEGOCIACIÓN SOBRE ASUNTOS PESQUEIROS NOS ÚLTIMOS CINCO SEMESTRES

 Xarda

  • Balseiro aplaude a rectificación do BNG, que agora acolle as teses defendidas polo Grupo Popular partidario da flexibilización na prohibición dos descartes pesqueiros

 

 Santiago, 22 de outubro de 2013.- O portavoz do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, lembrou hoxe que a Xunta de Galicia leva participando nas mesas de negociación sobre asuntos pesqueiros promovidas na Unión Europea, de xeito consecutivo, durante os últimos cinco semestres e salientou o traballo desenvolvido neste foro na defensa dos intereses do flota galega.

 Os populares lembran que a conselleira do Mar, Rosa Quintana, formou parte da Delegación española (en representación do conxunto das comunidades autónomas) en varios dos últimos Consellos de Ministros de Pesca da Unión Europea, situación que contrasta co acontecido cando os socios preferentes do BNG, o Partido Socialista, gobernaba en Madrid e enviaban a unha comunidade sen mar, como Estremadura, á mesa de negociación dos asuntos pesqueiros.

 Logo de lembrar estes datos, o Grupo Popular rexeitou a iniciativa do BNG na que reclamaba unha presenza directa de Galicia en Europa, lembrando que se trata dunha proposta non só contraditoria coa Constitución española senón incluso cos tratados constitutivos europeos e, polo tanto, unha iniciativa que os nacionalistas realizan a sabendas de que non é realista, nin legal, nin posible.

 DESCARTES

 Por outra banda, Jose Manuel Baleiro lamentou as incongruencias da oposición, que un día están ao carón do sector pesqueiro galego e outro votan en contra dos seus intereses. Nesa liña, lembrou que tanto PSOE, como AGE e BNG negáronse a apoiar o ditame que recollía a proposta única de Galicia para a reforma da Política Pesqueira Común, pese a que despois contou co respaldo unánime do sector a través do Consello Galego de Pesca

 En todo caso, desde o Grupo Popular si aplauden a rectificación do BNG, que agora acolle as teses defendidas polo PP partidario da flexibilización na prohibición dos descartes pesqueiros que pretendía impoñer a Unión Europea. Con todo, lamentou que o 26 de marzo do ano 2013 nacionalistas, socialistas e deputados de AGE non quixeran votar favorablemente á iniciativa do PP que sobre esta mesma cuestión foi aprobada no Parlamento de Galicia.

 O voceiro do Mar popular rematou insistindo no seu rexeitamento ao actual modelo de reparto de TAC e cotas, baseado no principio de estabilidade relativa e explicou que non é nada positiva a posición vacilante da oposición que unhas veces critican este modelo e outras non son quen de apoiar ao PP nas iniciativas que reclaman o cambio deste sistema polo que se recoñecen as posibilidades de pesca de cada país.