Orzamentos 2014

O secretario xeral do PPdeLugo, Jose Manuel Balseiro, salienta o esforzo inversor do Goberno galego na nosa provincia

En 2014 o investimento por habitante na provincia de Lugo duplica ao do bipartito

Territorialización de investimentos Orzamentos Xunta 2014

  • O Goberno galego investirá o ano próximo 728 euros por lucense dato que multiplica por dous os 374 euros que socialistas e nacionalistas achegaban en 2009
  • Consellerías como a de MATI manteñen o volume de investimento situándoo en 58 millóns de euros

 

Lugo, 22 de outubro de 2013.- O secretario xeral do Partido Popular na provincia de Lugo, Jose Manuel Balseiro, cualificou de “infundadas e desnortadas” as críticas de socialistas e nacionalistas aos orzamentos da Xunta para o ano próximo lembrándolles que en 2014 o investimento por habitante na provincia de Lugo duplicará ao previsto polo bipartito.

Balseiro explicou que en plena crise o Partido Popular achegará un gasto por habitante que se sitúa en 728 euros por lucense, un dato que case multiplica por dous os 374 euros que os socialistas e nacionalistas contemplaban nos seu último orzamento, o do ano 2009.

O secretario xeral dos populares explica tamén que Lugo será a provincia máis beneficiada polo esforzo inversor do Goberno que preside Alberto Núñez Feijóo, o que proba a súa aposta pola provincia, e nesa liña sinala que os lucenses recibiremos máis gasto público por habitante que Ourense (704 euros), Pontevedra (484 euros) e A Coruña (478 euros)

“Se PSOE e BNG critican estas contas hoxe, que non deberan ter dito na súa etapa de goberno bipartito cando, a pesar de ser unha época de bonanza económica e dispoñer dun orzamento global moito superior investían a metade que nós na provincia. Isto si era un castigo aos lucenses e unha parálise aos principais proxectos e infraestruturas” –dixo Balseiro

MEDIO AMBIENTE

Jose Manuel Balseiro fixo tamén un repaso aos principais investimentos da Xunta para 2014 na provincia, insistindo que o manexo dos datos fai inviable o intento da oposición enredar e confundir a todos os galegos. Así por exemplo salientou o esforzo de consellerías como a de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas que mantén o volume de investimento situándoo en 58 millóns de euros

 Así por exemplo destacou as partidas previstas para o Auditorio de Lugo (8,13 M€, é dicir, 3 millóns máis que no 2013), para o corredor Lugo-Sarria-Monforte (8 millóns de euros, 2,6 millóns máis que en 2013) para finalizar o plan Paradai (2,8 M€) ou para garantir os accesos ao porto de Burela (800.000 euros) e porto seco de Monforte (3,5 M€)

 Destacou as partidas reservadas para o mantemento das infraestruturas viarias, urbanas e hidráulicas, que suman un presuposto de 49,4 M€,  o 85% do orzamento global. Así por exemplo as obras de abastecemento de Barreiros e da Edar de Ribadeo, dúas actuacións para as que se reservan 6,8 M€ nas contas de 2014

 SANIDADE, BENESTAR E EDUCACIÓN

 No ámbito da saúde Balseiro quixo salientar o dato histórico que supón que por primeira vez apareza nuns orzamentos da Xunta unha partida específica para a ampliación do Hospital da Costa, para cuxo proxecto Sanidade reserva 190.000 euros, e no tocante ás áreas de benestar significou os 600.000 euros para a residencia de Paradela ou a achega prevista para o proxecto de residencia de Foz.

 SECTORES PRODUTIVOS E NOVAS TECNOLOXÍAS

 Finalmente Balseiro destacou os investimento en promoción do turismo (1.750.000 euros), innovación e solucións tecnolóxicas (1.800.000 euros)  ou os 18,6 millóns de euros que achegará a Consellería do Medio Rural e do Mar, para rematar sinalando que logo do repaso de cada unha destas cifras PSOE e BNG deberían esforzarse en, polo menos, actuar con rigor nas súas críticas e no xeito de facer oposición.