Galicia é, por tanto, a cuarta comunidade onde máis baixa o número de parados en termos absolutos e relativos, con 11.100 persoas menos nas listas do desemprego

A taxa do paro no terceiro trimestre baixa en Galicia o triple que en España

banner_prensa_sigamosavanzando

  • O PPdeG foxe de triunfalismos pero considera que as reformas dos populares desde a Xunta e desde o Goberno están a permitir que a conxuntura laboral cambie
  • Hai máis indicadores que sinalan que Galicia vai na dirección correcta cara á recuperación económica, como os datos do IPI, as exportacións ou o PIB

 

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2013.- A voceira do Partido Popular de Galicia, Paula Prado, destaca que a taxa do paro no terceiro trimestre baixa en Galicia o triple que no conxunto do Estado.
Segundo apuntou Prado, a taxa de paro descendeu en Galicia un 0,8% con respecto ao segundo trimestre do ano. Mentres tanto, a taxa en España baixou un 0,28%, o que supón que Galicia mellora a media do Estado na baixada do desemprego.
Por tanto, se a actual taxa do paro en Galicia é do 21,59% -fronte ao 22,4% do segundo trimestre-, en España a taxa é do 25,98% -fronte ao 26,3% do anterior trimestre-.
Galicia é, por tanto, a cuarta comunidade onde máis baixa o número de parados en termos absolutos e relativos, con 11.100 persoas menos nas listas do desemprego. En termos porcentuais, esa baixada do paro en Galicia –un 3,85% menos- é substancialmente superior á do conxunto do Estado –un 1,22% menos-.
A voceira do PPdeG destaca, por tanto, que con estes datos non só se mantén o diferencial positivo das taxas galega sobre a estatal, senón que se aumenta lixeiramente con respecto ao trimestre anterior. Actualmente, temos un diferencial de case 4,4 puntos. No anterior trimestre este diferencial era de 3,9 puntos.
Por outra banda, Prado sinala que tamén mellora a taxa de ocupación en 0,77 décimas con respecto ao trimestre anterior, o que se traduce en 7.700 ocupados máis. Galicia volve a superar á media estatal tamén neste ámbito, xa que en España aumenta un 0,24%.
Para a dirixente popular, non cabe facer discursos triunfalistas cando aínda hai tantas persoas desempregadas no noso país, non obstante, considera que hai que ser realista e recoñecer que as reformas que están a levar a cabo os populares desde a Xunta e tamén desde o Goberno central están a permitir que a conxuntura laboral cambie.
Segundo recorda Prado, o paro non é o único indicador que sinala que imos na dirección correcta cara á recuperación económica. Así, destacan tamén o bo comportamento dos datos sobre a produción industrial, sobre as exportacións (cun incremento do 15,7%), ou do PIB.