Orzamentos 2014

Jose Manuel Balseiro defende as contas presentadas por Rosa Quintana por ser realistas, responder a un período de transición ata os novos fondos europeos e estar centradas en atender os principais retos e necesidades do sector agrogandeiro, forestal e pesqueiro

A DO MEDIO RURAL E DO MAR SERÁ A CONSELLERÍA CON MÁIS RECURSOS DISPOÑIBLES EN 2014 TRAS AS DO ÁMBITO SOCIAL

 DSC_0002

  • Os orzamentos para o ano próximo redobran a estratexia de apoio aos sectores produtivos primarios con incrementos moi salientables na incorporación de mozos a actividade agraria (+45%), en fondos para organizacións da pesca (+25%) e da agricultura (+33%), en  infraestruturas e servizos no rural (+13.6%) e infraestruturas pesqueiras (+128%)
  • Balseiro salienta a blindaxe no investimento de servizos básicos tales como o servizo de Gardacostas, o operativo contra incendios forestais e o Intecmar
  • Desde o GPP contrastan o compromiso actual da Xunta cos recortes operados polo bipartito en tempo de bonanza e cos que levan acabo os gobernos de Andalucía ou Asturias
  •  “Son uns orzamentos que non negan a crise senon que a combaten” dixo Balseiro quen indicou que “o exemplo a seguir son os milleiros de profesionais do mar e do medio rural que se levantan cada mañá para sacar adiante a súa actividade”

 

Santiago, 28 de outubro de 2013.- O portavoz do Mar e Montes do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro salientou hoxe que a consellería do Medio Rural e do Mar será o departamento autonómico con máis recursos dispoñibles en 2014 solo detrás das consellerías do ámbito social (Educación, Sanidade e Traballo e Benestar) “o que demostra o renovado compromiso do Goberno galego, que redobra a estratexia de apoio aos sectores produtivos primarios en Galicia”.

Jose Manuel Balseiro defendeu as contas autonómicas presentadas esta mañá na Comisión de Orzamentos do Parlamento de Galicia por Rosa Quintana ao entender “que son realistas, que responden a un período de transición ata os novos fondos europeos e por estar correctamente centradas en atender os principais retos e necesidades do sector agrogandeiro, forestal e pesqueiro”.

PRIORIZAR INVESTIMENTOS

Balseiro dixo que nun período no que “non remataron as dificultades, nin os axustes orzamentarios o éxito está en saber priorizar e proxectar unhas contas equilibradas acaídas á baixa transitoria dos fondos europeos”. Nesa liña salientou que os orzamentos para 2014 aspiran a “converterse no motor que achegue de novo crecemento e creación de emprego e dar aos excelentes produtos da nosa terra e do noso mar un maior aproveitamento e facelos máis rendibles”

O portavoz popular cualificou como moi positivo que se continúe coa liña marcada polo presidente da Xunta en 2009 “de gastar menos na estrutura administrativa e máis nos profesionais do mar” e do medio rural e situou o aforro estimado en 1,6 millóns de euros en materia de persoal e gastos correntes o que permite –indicou- “priorizar apoios e incrementar partidas como as de incorporación de mozos a actividade agraria (+45%), os fondos para organizacións da pesca (+25%) e da agricultura (+33%), as partidas para  infraestruturas e servizos no rural (+13.6%) e infraestruturas pesqueiras (+128%), partidas para a recuperación de superficies agropecuarias infrautilizadas (+7%) ou para a avaliación do estado dos recursos pesqueiros (+66%)”

BLINDAXE DE SERVIZOS BÁSICOS

Segundo significou Balseiro atender ao sector supón tamén “blindar os investimentos en ámbitos esenciais como é no operativo contra os incendios forestais (que verán mellorados os equipos de comunicación en máis de 2 millóns de euros ou en materiais contra os incendios e prevención cuxa partida crece un 104%), o servizo de Gardacostas ou o INTECMAR, Instituto Tecnolóxico do Medio Mariño.

AS POLÍTICAS DE COMBATE A CRISE DAN RESULTADO

O portavoz popular contrapuxo á visión catastrofista da oposición algúns datos positivos “que permiten entender que as políticas de combate da crise están a dar resultados”. Así por exemplo destacou algúns dos datos ofrecidos pola conselleira como son a suba dos prezos do leite (+23% nos últimos 12 meses), o incremento do prezo da tonelada de madeira en varias especies significativas (creceron un 4,8% nas exportacións) e a sostibilidade dos prezos medios dos peixes e mariscos no seu cómputo anual (como é o caso do xurelo, xarda ou do lirio) e lembrou que moitas destes aspectos “non acontecían co bipartito, que non soubo xestionar unha época de bonanza”.

NON RESISTEN COMPARACIÓNS

O deputado popular tamén explicou “que as contas proxectadas polo malogrado bipartito ou polas partidos da oposición alí onde gobernan non permiten dar leccións” e nesa liña volveu a lembrar que mentres que Medio Rural e Mar caía entorno a un 9% durante o bipartito mentres o orzamento global da Xunta crecía un 4,2%, isto é “PSOE e BNG restaban recursos en tempos de bonanza”

 Tamén fixo un repaso ás contas proxectadas nesta área por outras comunidades como Andalucía onde caen un 4,7% os orzamentos na consellería homóloga ou en Asturias onde repasou novas reflectidas en prensa escrita onde se salienta que o Principado recortou axudas as confrarías nun 60% ou nas axudas á renda dos gandeiros.

OS PROFESIONAIS COMO EXEMPLO CONTRA A CRISE

Como conclusión Balseiro Orol salientou que os orzamentos para 2014 “serán a mellor ferramenta que podemos darlles aos nosos agricultores, gandeiros, pescadores e mariscadoras que atopan na consellería que dirixe Rosa Quintana o primeiro aliado para afrontar as dificultades que aínda persisten”. “O reto” –insistiu Balseiro- “é superar a crise e o exemplo a seguir milleiros de galegos e galegas que se levantan cada mañá para sacar adiante a súa actividade”.