Pesca de baixura

O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, lembra que esta flota posúe unha gran importancia social en Galicia e agrupa a miles de embarcacións de porte pequeno que faenan nas augas interiores

BALSEIRO INTERÉSASE NO PARLAMENTO SOBRE O CAMBIO NO MODELO DE XESTIÓN DA PESCA DE BAIXURA QUE PROXECTA O GOBERNO GALEGO

 PropA

  • Os populares entenden que calquera modificación da normativa debe facerse da man do sector, consenso no que xa traballa a Xunta tras constatar que os profesionais son favorables á implantación de plans de xestión plurianuais nas augas de competencia autonómica

 

Santiago, 31 de outubro de 2013.- O portavoz do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro vén de interesarse a través dunha iniciativa rexistrada no Parlamento de Galicia, sobre o cambio no modelo de xestión da pesca de baixura no que está a traballar o Goberno galego.

 O deputado popular interpelará ao secretario xeral do Mar, Juan Maneiro, sobre o contido, perspectivas e obxectivos perseguidos coa futura modificación da normativa que regula a actividade da flota costeira e artesanal, un sector que posúe grande importancia social en Galicia, e que agrupa a miles de embarcacións de porte pequeno que faenan nas augas interiores, sobre todo nas rías, áreas de competencia exclusiva da Xunta de Galicia.

 Balseiro considera que modernizar esta normativa pode pode ser unha medida interesante para facer unha mellor planificación da actividade pesqueira nun ámbito, o da pesca de baixura, no que os profesionais traballan cunha gran diversidade de artes como trasmallos, miños, rascas, palangrillos, racús, bou de man, bou de vara, diferentes tipos de nasas, etc.

“A flota de artes menores ou artesanal -na que se inclúe o marisqueo a flote- é a máis importante en número de embarcacións na baixura. Os seus pescadores explotan especies como o polbo, a faneca, o congro,o choco, a centola ou a ameixa”- explicou Balseiro.

MODERNIZACIÓN, RENOVACIÓN E COMERCIALIZACIÓN

O portavoz do Mar do Grupo Popular situou entre os principais obxectivos a desenvolver polo departamento que dirixe Rosa Quintana o de potenciar a modernización e renovación da flota pesqueira artesanal pero tamén, o desenvolvemento dun modelo de xestión sustentable e acorde coas necesidades do sector. O novo modelo a desenvolver incluiría tamén as medidas da Xunta para a mellora da xestión da produción e comercialización dos produtos mariños obxecto de captura por parte desta flota.

DA MAN DO SECTOR

 Balseiro insiste en que calquera modificación da normativa debe facerse da man do sector e nesa liña considera acertada a estratexia que leva adianta a Consellería do Medio Rural e do Mar que traballa xunto cos profesionais para buscar unha modificación da lexislación pesqueira de tal xeito que nos próximos anos faga posible ir definindo os correspondentes plans de xestión plurianual para as distintas artes e/ou especies nas augas da nosa competencia

 PLANS PLURIANUAIS

 O portavoz popular sinala que os primeiros contactos co sector permitiron observar unha resposta unánime de aceptación da proposta de novo modelo de xestión pesqueira baseada nos plans de xestión plurianuais, modelo xa experimentado nestes dous últimos anos para os casos da nasa polbo e a centola.

 Balseiro aclara que, para a implantación deste novo modelo de xestión pesqueira e necesaria a modificación do Decreto 15/2011, feito que pretende realizarse no ano próximo.

 “O novo modelo podería aplicarse a tódalas artes incluídas no Decreto 15/2011, salvo as de marisqueo que xa están a empregar un sistema deste tipo, con plans de xestión cada ano ou cada dous anos ou, para determinadas artes cuxa utilización nas nosas augas interiores e moi estable, con poucos cambios, poderían elaborarse plans con duracións de cinco ou máis anos”-aclarou Balseiro.