Opinión

<< Na Mariña:unidos, máis fortes>>

Jose Manuel Balseiro

A Mariña lucense é un todo, un conxunto, unha terra con capacidade e por iso, aos que fixeron posible a unidade comarcal do noso comercio quero trasladarlles, desde estas liñas, a miña felicitación e máxima dispoñibilidade. É moi xusto e necesario recoñecer o traballo de todos aqueles comerciantes e emprendedores que xuntos están a poñer o seu grao de area para que A Mariña sexa aínda máis forte, unha terra de máis e mellores oportunidades.

A ambiciosa iniciativa dun importante grupo de comerciantes e empresarios da comarca que deu lugar ao nacemento de A Mariña Federación constitúe un acontecemento moi positivo para o impulso e fortalecemento do comercio de proximidade.

Baixo a acertada idea de avanzar na unidade de acción, asistimos a un proxecto global, coa imaxe do conxunto da Mariña lucense como referente, capaz de aglutinar o apoio de todas as administracións e partidos políticos, así como o compromiso de máis dun millar de asociados da nosa bisbarra.

Un proxecto destas características merece o apoio de todos. Tamén, estou seguro, da Xunta que xa ofreceu a máxima colaboración coa nova federación. O Goberno galego demostra con feitos, a través das súas liñas de axuda, a súa aposta polo asociacionismo comercial, o fomento da utilización das novas tecnoloxías neste sector, e o apoio aos concellos na renovación das infraestruturas comerciais, como piares da estratexia de impulso do comercio que nos é máis proximo.

Pero ademais, os impulsores da nova federación suman as súas forzas, co obxectivo de afrontar con maior enerxía e capacidade os retos do futuro. Nun tempo non exento de dificultades, estes emprendedores, sempre exemplo, volven a selo unha vez máis ao poñer de relevo a unión de toda A Mariña como estratexia dirixida a superar a crise e avanzar no camiño cara a recuperación económica, a xeración de novas oportunidades empresariais e de emprego.

Na miña humilde opinión avanzar na idea da Mariña lucense como marca e a unidade de acción acadada polo comercio comarcal, constitúe o camiño a seguir noutros moitos ámbitos como pode ser o turístico, o cultural, o empresarial ou incluso na prestación máis eficiente de moitos servizos á cidadanía. A fragmentación, a división, as políticas reducionistas e excluíntes, teñen demostrado a súa inutilidade.