Orzamentos da Deputación de Lugo 2013

O deputado do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, acusou ao dirixente socialista de faltarlle ao respecto aos parados por discriminalos en función do concello no que residen e lembrou que 43 dos 67 municipios da provincia non poderán beneficiarse deste plan

OITO DE CADA DEZ LUCENSES QUEDARÁN EXCLUÍDOS DO PLAN DE EMPREGO QUE BESTEIRO VÉN DE IMPULSAR NA DEPUTACIÓN DE LUGO

Pazo de San Marcos, sede da Deputación de Lugo

 

  • Balseiro explicou que Besteiro non dixo a verdade no Parlamento xa que o bipartito provincial ademais de excluír aos concellos lucenses que superen os 5.000 habitantes deixa fóra do plan de emprego a outros 30 concellos de menor poboación
  • Balseiro censura a falta de sensibilidade do bipartito que preside Besteiro coas persoas maiores e dependentes porque a de Lugo é a única deputación que non financia na súa integridade os servizos municipais básicos de axuda no fogar
  • Balseiro traslada o descontento dos alcaldes lucenses ante un Plan de Obras e Servizos “que é o peor das catro deputacións galegas, pois só financia o 50% da obra e achega de media 17 veces menos recursos que o POS da Deputación da Coruña”
  • Balseiro desminte con datos do servizo de intervención a idílica situación financeira da Deputación lembrando que “en 6 anos é a metade de menos solvente do que era ademais de ter empeorado nas principais magnitudes financeiras”

 

Santiago, 08 de outubro de 2013.- Oito de cada dez lucenses quedarán excluídos do Plan de Emprego que o Goberno bipartito que preside Jose Ramón Gómez Besteiro vén de impulsar na Deputación de Lugo. Así o denuncio hoxe o deputado do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, no transcurso da comparecencia de Besteiro no Parlamento de Galicia para dar conta dos orzamentos da administración lucense para o ano próximo.

Balseiro acusou ao dirixente socialista de actuar cunha “total falta de respecto cara os parados” tras “fabricar un plan de emprego” que deixa fóra a 43 dos 67 concellos da provincia “e que discrimina aos parados en función do concello no que residan”. En total 299.317 lucenses non poderán acollerse ao plan deseñado por PSdeG e BNG na Deputación de Lugo.

CONCELLOS DE PRIMEIRA E DE SEGUNDA

“Vostede que é tan dado a dar leccións en materia de emprego terá que explicarnos por que un parado de Viveiro, Sarria, Mondoñedo, Lourenzá, Xermade ou As Nogais … ten menos dereitos a ser beneficiario do seu plan de emprego que calquera outro parado dos poucos concellos que si poderán acollerse a este plan”-dixo Balseiro- quen emprazou a Besteiro “a rectificar esta medida excluínte, porque non hai concellos de primeira e outros de segunda”, e “a facer como a Xunta que a través do Plan de Cooperación beneficiou a todos os concellos da provincia, sen deixar a ningún fóra, sen exclusións”.

PARTIDISMO

Balseiro explicou que Besteiro non dixo a verdade no Parlamento xa que o bipartito provincial ademais de excluír aos concellos lucenses que superen os 5.000 habitantes deixa fóra a outros 30 concellos de menor poboación tras “inventar” uns criterios “sesgados” que ademais teñen un marcado carácter partidista. De feito a pesar de que o PP goberna o 64% das alcaldías da provincia (43 de 67 concellos) tan só poderán beneficiarse deste plan 7 concellos populares –un 29% do total- fronte aos 17 concellos que si se beneficiarán deste plan e que están gobernados por socialistas (15 alcaldías) e nacionalistas (2 alcaldías) –en proporción un 71% do total dos concellos que poden acollerse ao novo plan-

Balseiro rematou lembrando que ante o primeiro problema do país -o desemprego- Besteiro “ou está ausente ou pon en marcha plans tan desastrosos como o que vén de anunciar” e que ademais “coinciden sempre sospeitosamente con períodos preelectorais”, mentres que no pasado “deixaba sen executar partidas por valor de 4,6 millóns de euros en materia de emprego, ademais de ser a única Deputación galega que non colaboran coa Xunta na posta en marcha dun plan específico de apoio aos parados, tras negarse Besteiro a asinar un convenio específico con este fin”.

SERVIZOS SOCIAIS

Pero esta non é a única materia na que a Deputación de Lugo ten a dubidosa honra de ser “diferente” no conxunto de Galicia: tamén acontece en servizos sociais xa que logo a administración que preside Gómez Besteiro é a única das catro galegas que non financia a totalidade do custe dos servizos municipais de axuda no fogar, tal e como vén obrigado por lei, “unha lei ademais aprobada polo bipartito cando gobernou a Xunta”

“A Deputación de Lugo co beneplácito de Besteiro e por imposición da ala nacionalista do Goberno, non ten sensibilidade e humanidade coas persoas maiores dependentes que precisan deste apoio nos seus fogares, ademais de provocar un grande prexuízo aos concellos, aos que Besteiro adebeda o 84% do custe deste servizo. Hai diñeiro para paseos en helicópteros pero non para os nosos maiores”-asegurou con contundencia Balseiro.

PLAN DE OBRAS E SERVIZOS

Outra das grandes eivas postas de manifesto polo Grupo Popular ten que ver coa función principal das deputacións: a de servir de colaboración e asistencia aos concellos. Balseiro referiuse en concreto ao Plan de Obras e Servizos da Deputación de Lugo, que por lei están obrigados a aprobar as administracións provinciais e que debera servir para financiar determinadas obras de interese social nos distintos concellos.

Balseiro explicou que “o da Deputación de Lugo é o peor plan promovido das catro deputacións galegas” xa que os concellos lucenses “vénse obrigados a achegar o 50% do custe das obras –a pesar das dificultades económicas polas que pasan- a diferenza do que acontece na Coruña ou Pontevedra onde a administración provincial asume o 100% do custe ou en Ourense, onde o 75% do orzamento corre a cargo da deputación”.

Ademais mentres en Lugo a media dos investimentos por concello é de 14.900 euros, na Coruña é de 257.000 euros (17 veces máis), en Pontevedra de 200.000 euros ou en Ourense de 30.975, isto é o dobre que en Lugo.

AXUDAS EXCEPCIONAIS

Por si todo isto fóra pouco Besteiro abusa do procedemento excepcional de outorgamento de axudas “para beneficiar só aos concellos da súa mesma cor política” aos que destina de xeito partidista inxentes cantidades de recursos públicos discriminando aos concellos con alcaldías do Partido Popular.

“Só nos últimos meses Besteiro repartiu máis dun millón de euros entre os concellos do bipartito, fronte a unha media raquítica de investimento no resto dos municipios. Só no que levamos de 2013 os concellos con alcaldías populares que son o 64% (43 de 67) da provincia, reciben axudas recibidas por importe do 10% do total”

SITUACIÓN FINANCEIRA DA DEPUTACIÓN

Balseiro tamén desmentiu con datos a idílica situación financeira da Deputación de Lugo que pretendeu dar a entender Besteiro, lembrándolle que segundo reflicten as contas xerais (liquidación do orzamento) hoxe a entidade provincial lucense é a metade menos solvente do que era e de feito en seis anos reduciu un 53% os remanentes de tesourería tras pasar de 79.454.361 a 37.784.133 euros.

Por se isto fora pouco, a Deputación de Lugo “pese a non cumprir as competencias (SAF, POS) é a 3ª deputación con un endebadamento por habitante máis alto con 150,94 €/habitante, superior aos 90,33 €/habitante da Coruña e os 131,21€/habitante de Pontevedra.

Xunto a iso e a segunda que menos esforzo inversor fai: “Lugo se sitúa por diante en inversión por habitante pero: o esforzo inversor incluso diminúe, ao pasar dunha magnitude de 0,48 a 0,30. O gasto elevado non o destina a investimento”- explicou Balseiro

A maiores de todo isto Balseiro lembrou outras magnitudes económicas que dan imaxe da mala xestión de Besteiro tras lembrar que a Deputación de Lugo:

Empeorou en solvencia:

  • dun índice de 2.03 pasa a 1.92

Empeorou na execución orzamentaria:

  • dun índicede 0,75 pasou a 0,62

 Reduce drasticamente a inversión por habitante:

  • de 216.70 pasou a 77 €

 Empeorou en período medio de pagamento:

  • de 17 pasou a 21 días de demora.

 A DEPUTACIÓN AO SERVIZO DO PSOE E DO BNG

Balseiro tamén dixo que Besteiro ten covertido á Deputación de Lugo nunha administración de interese exclusivamente partidista. Para exemplificalo lembrou que cada ano 578.421 euros procedentes dos impostos de todos os lucenses destínanse a manter “unha lexión de asesores, en vez de investilos nas prioridades dos lucenses”.

Como exemplo, no tocante a área nacionalista do goberno bipartito lembrou que “dous deputados do BNG teñen nove asesores e que moitos deles están a soldo dun área de goberno sen poñer un pé na Deputación”

No ámbito da transparencia Balseiro pediu a Besteiro que se pronuncie polas irregularidades do programa “KM cero”, que está baixo investigación penal pola presunta realización de pagos irregulares e polas palabras do xefe de protocolo da Deputación, imputado na causa e persoal de dependencia directa de Besteiro, que falaba de pagos en metálicos e dobres caixas fortes para o pago de facturas que segundo denuncian os propios traballadores presentaban irregularidades. O deputado popular lembrou que con independencia do acontecer penal xa existe un expediente do Tribunal de Contas e Besteiro “non pode continuar gardando silencio, porque xera un dano de imaxe e económico á Deputación”

BESTEIRO AUSENTE

A modo de conclusión Balseiro dixo que, a Deputación de Lugo foi unha plataforma que Besteiro empregou para catapultarse a secretaría xeral do PSdeG pero que tras conseguir este obxectivo, situouna nun segundo plano, “pois o presidente provincial está ausente en preto do 50% das Xuntas de Goberno nas que adoptan decisións claves e non asina os decretos de Presidencia”.

Como colofón o deputado popular dixo que unha maioría de alcaldes e veciños da provincia de Lugo “esperan un cambio, porque están descontentos coa xestión de Besteiro e queren unha Deputación que sexa de verdade unha administración de apoio, asistencia e cooperación, en especial cos concellos máis pequenos (só Lugo cidade supera os 20.000 habitantes)”