Cerámica de Sargadelos

Lembra que a compañía non é un proxecto industrial ao uso senón un símbolo da calidade dos produtos galegos e da identidade cultural de Galicia

BALSEIRO APOSTA POR UNHA SOLUCIÓN DE CONSENSO ENTRE EMPRESA E TRABALLADORES DE SARGADELOS COMO TIÑA ACONTECIDO ATA O MOMENTO

Complexo-de-Sargadelos-Cervo

  • Amósase soprendido porque a única administración que non ten apoiado a esta empresa, a Deputación de Lugo, veña agora a pedir explicacións sobre as axudas outorgadas pola Xunta que evitaron no seu día o ERE extintivo
  •  Espera que os xestores sexan quen de presentar un proxecto de viabilidade serio e rigoroso, con totais garantías, e que teñan en consideración os moitos esforzos realizados nos últimos anos polas traballadoras da empresa

A Mariña 9 de novembro de 2013.- O deputado do Grupo Parlamentario Popular e Secretario da Mesa do Parlamento de Galicia, Jose Manuel Balseiro, amosou a súa preocupación pola situación que está a atravesando a empresa Sargadelos e insistiu en demandar unha solución de consenso entre a dirección e os traballadores da cerámica.

 Balseiro lembrou que ata o de agora as medidas postas en marcha na compañía -que nos últimos anos estivo afectada por un ERE non extintivo- foron resultado do consenso trala negociación entre as partes e sinala que sería negativo que desta vez puidera non ser froito deste diálogo. Balseiro insiste en que a solución debera partir dunha posición de acordo entre traballadores e empresa.

 O  parlamentario mariñán asegura que Sargadelos non é un proxecto industrial ao uso, tanto pola súa actividade, como polas características do seu cadro de persoal -maioritariamente feminino-, pero sobre todo porque a cerámica representa un emblema de calidade dos produtos galegos e acadou unha notoriedade que lle levou a converterse nun símbolo de identidade de Galicia.

A DEPUTACIÓN A ÚNICA ADMINISTRACIÓN QUE NON AXUDA

 Por outra banda, Balseiro amosouse sorprendido polas críticas feitas polos representantes provinciais do PSOE e dixo que agora que a cerámica volve a pasar por unha situación de dificultade, é curioso que a petición de explicacións veña desde a única administración, a Deputación de Lugo, que non ten apoiado a Sargadelos.

 “O PSOE o único que fai é criticar: primeiro porque a Xunta non lle deu axudas e despois porque si llas deu, critican unha cousa e a súa contraria. Pero cando chega a hora da verdade o único que fan e poñerse trala pancarta, e ten que ser o Goberno municipal de Cervo e a Xunta quen atope solucións, porque a Deputación de Lugo nin está nin se lle espera”

 Nesta liña lembrou que a axuda outorgada pola Xunta no ano 2010 serviru no seu momento para evitar o ERE extintivo e abrir novas oportunidades de negocio que hoxe, se acaban consolidándose, poden servir para que aínda esteamos ante un proxecto viable e con capacidade de superar a crise, nun futuro esperemos que próximo, afastando a posibilidade de peche da empresa.

 TER EN CONTA O ESFORZO DAS TRABALLADORAS

 Balseiro,  rematou pedindo aos actuais xestores que presenten un proxecto de viabilidade serio e rigoroso, con totais garantías, e no que se teña en consideración os moitos esforzos realizados nos últimos anos polas traballadoras da empresa, polo conxunto do cadro de persoal, que tamén ten achegado a súa enerxía e sacrificios en defensa da continuidade de Sargadelos.