Parlamento de Galicia -Comisión 7º

O voceiro de Montes do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, lembra que a determinación dos gastos e repercutir non é un proceder novo, xa se aplicaba durante a etapa de goberno do bipartito, e vén determinado pola normativa vixente e as cláusulas do convenio

O GRUPO POPULAR ENTENDE INXUSTO CONDONAR AS DÉBEDAS DAS COMUNIDADES DE MONTES QUE RECIBIRON DIÑEIRO PÚBLICO A TRAVÉS DOS CONVENIOS DE REPOBOACIÓN ASINADOS COA XUNTA

 PropA

  • Os nacionalistas terán moi complicado explicar á sociedade a razón pola que hai que perdoar o reintegro ás que plantaron con diñeiro público fronte as que o fixeron con recursos propios porque iso si é unha situación de desigualdade

  

Santiago, 21 de novembro de 2013.- O portavoz de Montes do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, entende que sería inxusto e provocaría unha situación de desigualdade condonar, tal e como pedía o BNG no Parlamento de Galicia, as débedas que as comunidades de montes tiñan coa Xunta trala sinatura de contratos temporais de xestión pública ou convenios de reforestación.

Mediante este instrumento, de carácter voluntario, cuxa finalidade é fomentar a produción madereira a Xunta anticipaba diñeiro público para colaborar coas comunidades de montes na plantación ou mantemento das explotacións forestais, cantidades que deben ser reintegradas con posterioridade.

Os populares consideran que os nacionalistas terán moi complicado explicar á sociedade a razón pola que hai que perdoar o reintegro ás comunidades de montes que plantaron con diñeiro público fronte as que o fixeron con recursos propios porque iso, insisten, si é unha situación de desigualdade. Con estes argumentos rexeitaron á iniciativa que o BNG presentou hoxe na Comisión 7ª do Parlamento de Galicia

Balseiro tamén quixo aclarar, respecto dos criterios para determinar as débedas que deben liquidarse que, de producirse algunha discrepancia respecto da súa contía, os afectados teñen mecanismos dabondo para discutir ou corrixir a cantidade incorrecta e lembra que os investimentos a devolver están taxados, tanto na lexislación como no convenio que voluntariamente asinaron as partes.

O portavoz de Montes do Grupo Popular lembrou que a determinación dos gastos a repercutir non é un proceder novo, é o que se ven aplicando ao longo dos anos, incluído o período 2005-2009, durante o Goberno bipartito e sen que o BNG rexistrara ningunha iniciativa interesándose por un cambio da normativa.

Finalmente Balseiro incluso fixo mención a unha circular a modo de instrución “sobre os criterios a aplicar na contabilidade de gastos por investimentos nos convenios e consorcios coa administración forestal”, asinada o 11 de febreiro de 2008 polo daquela director xeral de Montes e Industrias Forestais.