Arrastre e enmalle de fondo

O voceiro do Mar, Jose Manuel Balseiro, salientou a importancia desta iniciativa xa que só en Galicia máis de 300 embarcacións fan uso destas artes e proporcionan emprego a 2.500 pescadores

O PARLAMENTO APROBA, COA ABSTENCIÓN DE AGE, A INICIATIVA DO GRUPO POPULAR PARA FREAR A PRETENSIÓN DE BRUXELAS DE PROHIBIR AS ARTES DE ARRASTRE E DE ENMALLE DE FONDO

 Flota

  • A Cámara galega empraza aos eurodeputados españois a refrendar en Pleno a súa oposición ás teses da Comisión Europea ratificando o voto outorgado pola Comisión de Pesca da Eurocámara en apoio do sector
  •  A normativa comunitaria que regule as pesqueirías en augas profundas debe ser compatible co mantemento da capacidade da flota, da súa actividade económica e dos empregos

  

Santiago, 27 de novembro de 2013.- O Parlamento de Galicia aprobou no día de hoxe, coa única abstención de AGE, a iniciativa impulsada polo Grupo Popular para frear a pretensión da Comisión Europea de prohibir o uso das artes de arrastre e enmalle de fondo nas flotas comunitarias que faenan nas pesqueirías de augas profundas.

O portavoz do Mar dos populares galegos, Jose Manuel Balseiro salientou a importancia deste acordo, que traslada o apoio incondicional de Galicia a un sector que só na Comunidade galega agrupa a máis de 300 embarcacións e proporciona emprego a 2.500 pescadores.

DESPROPORCIONADA E INXUSTIFICABLE

Na defensa da súa iniciativa, o parlamentario popular considerou “desproporcionada e inxustificable” a pretensión inicial de Bruxelas de prohibir estas artes e dixo que se a finalidade da Comisión Europea é protexer os ecosistemas mariños máis vulnerables o problema non está na arte pesqueira empregada, senón en determinar onde si e onde non poden estas empregarse.

O acordo parlamentario, aprobado sen modificacións respecto do texto orixinal defendido polos deputados do PP, e que contou tamén co voto favorable do PSOE e BNG, insta á Xunta de Galicia a recabar o apoio dos eurodeputados españois para que referenden a súa oposición ás teses da Comisión Europea.

Balseiro explicou, máis en concreto, que se trataría de ratificar agora no Pleno do Parlamento europeo o voto favorable outorgado xa, a principios do mes de novembro, pola Comisión de Pesca da Eurocámara en apoio do sector.

A maiores, o texto do acordo insta á Xunta de Galicia a esixir á Comisión Europea e ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente que defenda unha modificación da normativa comunitaria sobre a xestión de pesqueirías en augas profundas, que teña en conta, dun xeito equilibrado, os factores ambientais, sociais e económicos e que sexa compatible co mantemento da capacidade da flota, da súa actividade económica e dos empregos.

UNHA FLOTA AMPLA E ESTRATÉXICA

Balseiro insistiu no absurdo que sería prohibir o arrastre nuns caladoiros nos que operan tamén flotas extracomunitarias que si fan uso destas artes e, polo tanto, que provocaría un agravio comparativo. Neste sentido, ratificou que o Parlamento galego está do lado dos profesionais que desenvolven a súa actividade enrolados nos 164 arrastreiros, que faenan en augas internacionais, de Gran Sol e do litoral cantábrico, dos 140 buques que faenan con artes de enmalle na costa litoral cantábrica, 100 deles da flota de artes menores e 10 máis que faenan baixo outras bandeiras comunitarias, pero de capital galego.

Segundo indicou o deputado popular, as teses de Bruxelas suporían tamén un importante impacto económico xa que se estima que este sector podería verse afectado por perdas en 80 millóns de euros e, no ámbito social, ameazaría a uns 2.500 empregos. Cifras “que dan mostra de que estaríamos nunha decisión amplamente negativa para Galicia e que desde aquí pedimos institucionalmente que se reconsidere”, dixo.