Sargadelos

O Grupo Popular asume un compromiso formal e institucional de apoio ante a moi difícil situación que atravesa este emblemático grupo empresarial

BALSEIRO PEDIRÁ NO PARLAMENTO QUE A XUNTA IMPULSE AS INICIATIVAS E FERRAMENTAS AO SEU ALCANCE PARA, EN COLABORACIÓN COA EMPRESA E OS TRABALLADORES, PROCURAR A VIABILIDADE DE SARGADELOS

Complexo-de-Sargadelos-Cervo

  • Explica que contido desta iniciativa foi consensuado na xuntanza que mantivo o parlamentario popular con representantes do Comité de Empresa
  • Balseiro espera que, como mínimo, outras administracións poidan implicarse como xa o fixo o Goberno galego -polo momento a única administración que ten axudado a Sargadelos- e lembra que, ata o de agora, por exemplo a Deputación deu boas palabras pero ningún feito

 

 

Lugo, 30 de novembro de 2013.- O deputado do Grupo Popular e tente de alcalde en Cervo, Jose Manuel Balseiro, vén de rexistrar unha iniciativa no Parlamento galego –unha proposición non de lei- pola que se pide á Xunta de Galicia que impulse as decisións e ferramentas ao seu alcance para, en colaboración coa dirección e os traballadores, procurar a viabilidade das empresas de Sargadelos (Cervo) e de O Castro (Sada). Balseiro explica que o contido desta iniciativa foi consensuado na xuntanza que mantivo o parlamentario con representantes do Comité de Empresa.

O Grupo Popular asume, deste xeito, un compromiso formal e institucional de apoio ante a moi difícil situación que atravesa actualmente o grupo galego Sargadelos, inmerso na negociación dun ERE que, como lembran os populares, afectaría a un número moi significativo do actual cadro de persoal. De feito, a proposta inicial prevé extinguir 41 contratos en Cervo e 29 máis na planta de O Castro, dun total de 170 operarios.

A iniciativa da que é autor o deputado Jose Manuel Balseiro ten ademais unha relevancia especial xa que, unha vez aprobada –feito probable dado que está avalada polo grupo maioritario no Parlamento–, suporá un mandato expreso á administración autonómica para que, en colaboración con empresa e os traballadores, deseñen unha estratexia de apoio para garantir a continuidade deste proxecto.

UN APOIO EQUIVALENTE DOUTRAS ADMINISTRACIÓNS

Balseiro espera que, como mínimo, outras administracións poidan implicarse como xa o fixo o Goberno galego, de momento, a única administración que ten colaborado economicamente con Sargadelos. O parlamentario di que, por exemplo, desde a Deputación todo foron boas palabras pero, á hora da verdade, ningún feito.

EMPRESA EMBLEMÁTICA

Os populares xustifican a prioridade e relevancia dos apoios solicitados lembrando algúns dos argumentos nos que veñen insistindo nos últimos días: estaríamos a falar de cooperar cun proxecto que transcende o mero ámbito empresarial, e que se dirixe a garantir a continuidade dunha compañía emblemática, ata o punto de que “representa a Galicia”.

Balserio lembrou que cando os seus promotores, Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane impulsaron o moderno proxecto, alá por 1979, souberon realizar unha mestura perfecta entre a actividade industrial e artesanal e a identidade cultural do noso país, creando unha marca prestixiosa, de calidade, cun deseño vangardista pero tradicional.

Estaríamos loitando por dar continuidade, a un proxecto cun especial capital humano, porque Sargadelos é unha empresa cun cadro de persoal composto na súa práctica totalidade por mulleres que levan case toda a súa vida laboral ligadas á empresa na que desenvolven unha actividade de gran especialización