Vigo

O voceiro do Mar, Jose Manuel Balseiro, amosa a solidariedade e apoio do Grupo Popular aos traballadores afectados por esta inxusta decisión de “peche laboral” e reclama á empresa, como xa fixo a Xunta, que reconsidere a súa decisión de eliminar o seu proxecto industrial en Vigo

O VOTO FAVORABLE DO GRUPO POPULAR FAI POSIBLE O ACORDO UNÁNIME DO PARLAMENTO PARA QUE A XUNTA IMPULSE AS MEDIDAS ENCAMIÑADAS A MANTER A ACTIVIDADE E O EMPREGO DE FREIREMAR

 parlamento

  • Os populares apoian a iniciativa da Xunta de revisar a axuda outorgada polo Goberno bipartito a esta empresa e, no caso de que incumpra a súa obriga de mantemento do emprego en Galicia, requirir a devolución das cantidades recibidas

  

Santiago, 04 de novembro de 2013.- O voto favorable do Grupo Popular fixo posible esta mañá o acordo unánime do Pleno do Parlamento de Galicia polo que se lle insta á Xunta a impulsar as medidas encamiñadas a manter a actividade e o emprego na planta de Freiremar, na cidade de Vigo.

Este grupo empresarial que está na actualidade en situación de preconcurso de acredores, cun pasivo que supera os 140 millóns de euros, vén de comunicar o despedimento da práctica totalidade do cadro de persoal dos centros de traballo que mantén na nosa comunidade, en especial, na planta de transformación e elaborados pesqueiros da Cidade Olívica.

O portavoz do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro durante a  súa intervención -que tivo lugar na tarde noite de onte- quixo amosar a solidariedade e apoio da formación política á que pertence cos traballadores afectados, ante o que cualificou de “peche laboral” e reclamou á empresa -como tamén fixo a Xunta- que reconsidere a súa decisión de eliminar o seu proxecto industrial en Vigo.

Os populares lembran que fronte aos despedimentos a lexislación laboral contempla outras alternativas polo que esperan que Freiremar flexibilice a súa posición inicial, unha postura que non dubidaron en cualificar de inxusta, por exemplo, cando deixa fóra aos traballadores galegos do plan social da empresa.

Balseiro tamén reclamou a implicación de todas as administracións para que, cada unha delas desde as súas competencias, poidan impulsar as accións necesarias en beneficio de continuidade dos centros de traballo de Freiremar en Galicia.

Con todo, os populares defendían unha emenda, que non foi obstáculo para acadar un acordo final, na que pretendían deixar claro que ningunha administración, tampouco a Xunta, de por si, pode garantir  o funcionamento dunha empresa. “O que si pode facer -e de feito así o fai-  é ante unha petición das empresas, colaborar e apoiar para que proxectos viables superen a situación de dificultade”-dixo.

O portavoz popular do Mar, amosou a súa confianza en que unha compañía da importancia de Freiremar, un dos máis potentes grupos pesqueiros en España, sexa capaz de recuperarse da actual situación de crise  e débeda, aproveitando unhas instalacións modernas (datan de 2007), unha carteira de clientes que seguen demandando produtos, así como os apoios que poidan materializarse unha vez estudada a situación e o plano de viabilidade que presente a empresa.

Por outra banda, Balseiro amosou o total apoio do Grupo Popular ao anuncio efectuado no día de onte polo conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde quen, tras cuestionar os criterios empregados polo anterior Goberno bipartito para outorgar a Freiremar a axuda de 380.000 euros, vinculados ao mantemento do emprego durante cinco anos, indicou que revisará o cumprimento desta obriga e, se non se respectan os requisitos, reclamará que se devolva ata o último céntimo de diñeiro público achegado nesta axuda.