Combustible nos portos

O portavoz do Mar, Jose Manuel Balseiro, amosouse convencido de que se atopará unha solución de consenso entre as administracións implicadas

O GRUPO POPULAR ALERTA QUE PARALIZAR A INSTALACIÓN DA GASOLINEIRA NA ZONA PORTUARIA DA POBRA DO CARAMIÑAL OBRIGARÍA A INDEMNIZAR AO ADXUDICATARIO

 DSC_0003 (2)

  • Esta situación non é obstáculo para que Portos, en permanente diálogo co Concello, e os operadores estuden fórmulas para que esta instalación cause o menor impacto e, de feito, o proxecto orixinal xa sufriu un replanteo coa modificación dos accesos

 

  • Os populares poñen en valor as vantaxes que para os profesionais do mar e usuarios dos portos teñen as iniciativas dirixidas a dotar ás instalacións portuarias da súa competencia de puntos de subministración de combustible

 

Santiago, 13 de decembro de 2013.- O Grupo Parlamentario Popular defendeu hoxe, a través do seu portavoz na Comisión de Pesca do Parlamento galego, Jose Manuel Balseiro, que Portos de Galicia levou a cabo a tramitación do expediente para a instalación dunha estación subministradora de combustible na Pobra do Caramiñal “de xeito rigoroso e con todas as garantías administrativas”, polo que rexeitou a iniciativa do BNG que pedía paralizar este procedemento.

 Os populares explicaron que neste momento a obra está adxudicada á oferta proposta pola Mesa de Contratación, polo que desde a administración autonómica teñen a obriga de mantela. No caso contrario, terían que facer fronte a unha sanción económica e á indemnización correspondente. “Creouse unha expectativa de dereitos que hai que respectar”, indicou Balseiro.

 En todo caso, o portavoz do Mar dos populares galegos amosouse convencido de que neste asunto chegarase a unha solución de consenso buscando o interese dos veciños, e indicou que manter o procedemento administrativo en marcha non é obstáculo para estudar distintas fórmulas dirixidas a que esta instalación cause o menor impacto posible.

 Como mostra desta predisposición de diálogo, o Grupo Popular lembra incluso que xa se teñen aceptado varias propostas e, de feito, o proxecto orixinal xa sufriu un replanteo coa modificación dos accesos, seguindo unha das indicacións pautadas desde o Concello e dirixida a deixar claro que o uso destas instalacións terán un uso exclusivamente profesional.

 CONTRADICIÓNS DA OPOSICIÓN

 Jose Manuel Balseiro destacou, en todo caso, as contradicións dos grupos da oposición, xa que logo mentres que desde o BNG defenden o cambio de situación da gasolineira, no caso de AGE, falaban incluso de suprimir este novo servizo, sen ter en conta os prexuízos que unha decisión destas características provocaría.

 Os populares quixeron poñer en valor, en todo caso, as vantaxes que para os profesionais do mar e usuarios dos portos teñen as iniciativas dirixidas a dotar ás instalacións portuarias de puntos de subministración de combustible, e moi especialmente no caso das instalacións da Pobra tendo en conta que este servizo antes non existía.