Emprego 2013

O deputado popular indica que sen caer en triunfalismos este dato é unha razón para crer nun futuro mellor

BALSEIRO SINALA QUE A PROVINCIA DE LUGO PECHA 2013 CON 1.680 PARADOS MENOS DOS QUE SE REXISTRABAN CANDO COMEZOU O ANO, ALGO QUE NON ACONTECÍA DESDE 2007

  •  Di que pese ao repunte mensual do 0.64%, tanto a variación interanual como a evolución do paro durante o 2013 é positiva, o mellor dato desde que comezou a crise
  • Lamenta a nula colaboración da Deputación de Lugo na loita contra o desemprego xa que desde esta institución se  promoven plans discriminatorios e electoralistas que non chegan a todos os concellos da provincia ou a diferenza do resto das deputacións non asinan convenios coa Xunta para fomentar a contratación de desempregados

 

Lugo,  3 de xaneiro de 2013.- O deputado do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro,  quixo salientar hoxe que, por primeira vez desde 2007, Lugo remata o ano con menos parados dos que iniciou o exercicio 2013.

En xaneiro na nosa provincia contabilizábanse 29.295 persoas sen emprego, fronte ás 27.615 desempregados rexistrados en decembro deste mesmo ano, isto é,unha redución do 5.73%.

O deputado popular cualifica positivamente este cambio na tendencia que se viña rexistrando ata o de agora e indican que, pese a crise, as 1.680 persoas que durante o 2013 abandonaron as listas do paro, demostran que algo está empezando a cambiar a mellor no mercado laboral.

SEN TRIUNFALIMOS SI HAI RAZÓNS PARA A ESPERANZA

Balseiro insiste en que o número de parados segue a ser elevado “e polo tanto non se pode falar de triunfalismo”, e lembra neste sentido o leve repunte do paro no último mes (do 0,64%), aínda que sinala que as tendencias a nivel interanual ofrecen unha imaxe moito máis positiva, xa que a provincia de Lugo pecha o 2013 cun 1,16% menos de desempregados con respecto a decembro do ano 2012, é dicir, o paro diminúe en 324 persoas.

Jose Manuel Balseiro dixo que os populares lucenses seguirán traballando, con máis forza, se cabe para que as listas do paro continúen baixando e sinala que ser capaces de pechar o ano 2013 con menos paro do que había cando comezou é unha razón para crer nun futuro mellor.

LAMENTA A ACTITUDE DA DEPUTACIÓN DE LUGO

Con todo o deputado popular, Jose Manuel Balseiro, lamentou a nula colaboración da Deputación de Lugo na loita contra o desemprego xa que desde esta institución se  están a promover plans discriminatorios e electoralistas que, por exemplo, non chegan a todos os concellos da provincia ou, a diferenza do que fan o resto dos entes provinciais, desde a institución que preside Jose Ramón Gómez Besteiro, non se asinan convenios coa Xunta para poñer en marcha programas de contratación de desempregados.

Balseiro puxo como exemplo que mentres a Deputación de Lugo destina dous millóns de euros para realizar 80 contratacións en só en 11 concellos dos 67 que ten a nosa provincia, en Pontevedra, a Deputación promove 2.500 contratacións (12 por concello), investindo máis de 20 millóns de euros, e chegando a todos os concellos sen excepción, con independencia do partido que goberne as alcaldías. Ou, no caso de A Coruña, a Deputación nesa provincia puxo en marcha un plan para promover  189 contratacións en todos os seus concellos de menos 20.000 habitantes.